O Salón do libro infantil e xuvenil de Pontevedra

salon1

O salón que non quixo ser feira


Texto: Ana López – Pontevedra


Son as dez da mañá do 27 de febreiro. A rúa Alexandre Bóveda quedou en relativo silencio despois de que a habitual procesión de coches e autobuses para os colexios e institutos se fose desfacendo pouco a pouco. Os estudantes están nas aulas e os pais, os máis afortunados nos tempos que corren, nos seus postos de traballo. Ata dentro das oficinas do Pazo da Cultura comezan a chegar as voces de nenos. Lonxanas primeiro, co ton alto dos berros da infancia minutos despois. Son os nenos do CEIP Pedro Antonio Cerviño de Campo Lameiro. Eles non son conscientes , pero son uns privilexiados: serán os primeiros en coñecer a XVI edición do Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra, un evento que nunca quixo ser feira. Na porta, agárdaos o lobo Orbil (a palabra ‘libro’ escrita do revés), a mascota de tan especial cita coa lectura; un animal que esperta paixóns entre os máis pequenos. Non sei como será o rato Mickey de Euro Disney, pero podo asegurar que o noso personaxe local ten un tirón incrible. Poucas veces vin tanto ‘selfie’ por minuto.

Diso pasou xa máis dun mes e agora o Pazo da Cultura volve estar baleiro, agardando por algunha exposición, feira ou evento singular. Foron máis de catro semanas adicadas en exclusiva ás letras -en galego maioritariamente-, aos libros e a máis de 300 actividades para tódolos gustos que enredaron a 34.000 persoas. Contacontos, obradoiros, teatro, danza, cinema, charlas, presentacións de libros… formaron parte dun programa que este ano levou por título ‘Da ciencia á ficción’.

A desmontaxe non durou nin dous días, canta rapidez para un traballo que levou semanas á Asociación Paspallás! Begoña Paz, unha das directoras artísticas do traballo de decoración xunto con María Paz, asoma a cabeza pola oficina de Prensa e saúda sorrindo: “Ola! Canto tempo!”. Certo, parece que pasara moito dende que ela e os seus compañeiros se afanaban en pintar as paredes da sala de exposicións do Pazo, “inspirándonos en películas como Star Wars, Alien ou 2001, Odisea no espazo”, como ela mesma recoñecería aos xornalistas. Levan unha década adicando o seu tempo a pensar o mellor xeito de sorprender a nenos e adultos en cada edición do Salón do Libro. Non é unha tarefa fácil, pero a realidade é que consiguen deixar coa boca aberta ao público ano tras ano. Neste fixérono, entre outras cousas, cun ovni de grandes dimensións ‘aparcado’ no teito e do que un alieníxena xurdía entre unha néboa de luces de cores.

O Salón do Libro ten tocado moitas temáticas, pero sen dúbida a deste ano, baseada na ciencia e na ficción, prometía moito, e tanto foi así que ata Pontevedra chegaron, para colaborar, persoas e institucións doutros puntos de España e tamén do extranxeiro. Rosana Largo foi unha delas. A vallisoletana aportou unha exposición con estruturas de seis contos clásicos: Carapuchiña Vermella, As viaxes de Gulliver, Pinocho… O espazo que o seu traballo ocupou, recibindo ao público, foi dos máis aplaudidos e fotografados.

Tamén participaron con mostras a Fundación Museo de la Ciencia de Valladolid, o museo Nacional de Ciencia y Tecnología (Muncyt) e a Fundación Barrié, entre outros.

O listado de colaboradores é longuísimo, polo que entre libros e contos se sucederon os obradoiros e charlas do Centro Superior de Investigacións Científicas (CSIC), das universidades de Vigo e Santiago, do Consello da Cultura Galega, do Parque Tecnológico de Galicia (Tecnópole), das asociacións galegas de Escritores en Lingua Galega, de Editores e de Ilustradores, que se uniron a outros colectivos a nivel local, como o Seminario Permanente de Jazz, a Banda de Música de Pontevedra, orquestras da cidade, a Galería Sargadelos ou a Biblioteca Pública Antonio Odriozola.

Pero ese listado quedaría incompleto se non se nomease a persoeiros recoñecidos como o psicopedagogo italiano Francesco Tonucci ou o músico portugués Paulo Lameiro, que tamén estiveron na cidade do Lérez para esta ocasión. E, coma sempre, os habituais do Salón do Libro, eses escritores sen os cales este evento non tería sentido: Agustín Fernández Paz, Marilar Aleixandre, Luis Rei, María Solar, Ledicia Costas, Lucía Aldao, María Lado, Elena Gallego…

_DSC7939

Non fai falla falar coa organización para saber que os colexios son os verdadeiros protagonistas do Salón do Libro. Sobra con botar un ollo á sala de exposicións para ver que o lugar privilexiado estaba ocupado polos traballos que os nenos aportaron. O resultado nunca é perfecto -de ter sido sería para sospeitar!-, pero non hai mellor recompensa que velos chegar ao Pazo da Cultura collidos das mans ou agarradiños a unha corda buscando cos seus mestres o espazo específico no que se atopa a súa creación. Aí xurde sempre algún flash.

Cada ano o número de centros escolares que participa coa cita coa lectura vai en aumento. Nesta edición foron 40 e as súas visitas serviron para que os rapaces chegasen ás súas casas contando mil e unha aventuras que animaron aos seus pais a levalos de volta un día tras outro. Non hai público máis fiel que o infantil. “Había nais que me contaban que os seus fillos lles preguntaban o resto do ano cando comezaba o Salón do Libro”, asegura Luz Pérez, encargada do posto de información instalado á entrada do Pazo.

Entre as novidades do Salón para este ano figurou a súa extensión tanto en tempo como en espazo. A XVI edición durou unha semana máis que as anteriores e ocupou tamén o Recinto Feiral. Houbo días nos que as instalacións eran un auténtico fervedoiro de nenos, horas dignas de tirar de ibuprofeno ou paracetamol, pero tamén outros, non vexo razón algunha para negalo, moito máis tranquilos, tardes desas nas que o bo tempo gaña a partida á cultura, que pasa a ocupar un segundo plano.

Coméntase polos corredores do Pazo da Cultura que a vindeira entrega xa está comezando a xestarse. Aos xornalistas, nestes casos, cóntasenos o xusto. É cuestión de ir coller un café disimuladamente e poñer a orella a ver se cae algunha palabriña que nos dea unha pista sobre a temática do ano que vén, unha cuestión que cada ano xera un titular de apertura nas seccións de Cultura dos xornais locais. Entre os papeliños que os asistentes depositaron na furna de suxestións estes días, algúns nenos pediron “que trate de animais”. Creo que me uno á súa petición. Non sei de que maneira se podería materializar este título, pero se me ocorren varios xeitos de facelo sen que anoxemos aos amigos ecoloxistas nin convirtamos isto nun circo, nin zoolóxico nin nada parecido. Iso si, xa avanzo que calquera parecido deste desexo meu e dos pequechos coa realidade sería pura casualidade.

 



Deixa unha resposta