Unha relectura d’A galiña azul con ollos de hogano

OldDesignShop_RoosterHenSilverLacedWyandottes


Texto: Montse Pena Presas


Moitos de nós recordamos con libros infantís e xuvenís galegos eran practicamente un soño, A galiña azul (1968) de Carlos Casares funcionou como unha obra-pioneira e unha obra-revulsivo a un tempo. Obra-pioneira, porque foi a gañadora do I Concurso de Contos Infantís organizado pola Asociación O Facho da Coruña, concibido como un xeito de estimular a produción para o público infantil; obra-revulsivo, porque nun panorama literario en que dominaba o existencialismo pesimista e obxectalista da Nova Narrativa e o socialrealismo poético tan necesario como reiterativo para combater a longa noite de pedra, A galiña azul xurdiu cunha luz especial, que combinaba a fantasía cunqueiriá, a forza poderosa da narración oral e un subtil humor absurdo, sen esquecer o seu contexto: o dos tempos delongadamente grises que se seguían a vivir na Galicia de finais dos anos 60.

Estruturada en cinco pequenos contos, estes relaciónanse entre si por dous personaxes-fío, que funcionan como un perfecto nexo de unión. Un deles é Leoncio, que encarna ao tolo da vila, sendo un enlace entre a realidade e a fantasía, mais tamén entre o mundo adulto e o universo infantil. Un ser capaz, a un mesmo tempo, de evitar que castiguen a un neno e de inventar o papapío, a lingua para falar cos paxaros e coas formigas. A outra é Ana, a nena que aparece na dedicatoria inicial, tan fermosa que “parece unha mazá”. Para ela, para que non esqueza a súa lingua, di o autor que escribe estas historias, sendo á vez a imaxinada lectora implícita á que parece dirixirse en diversas ocasións.
Fan a súa presenza xa, nesta primeira obra infantil de Casares, varias pegadas da súa poética para o lectorado en formación que caracterizarán a produción futura: o respecto e o interese polas ilusións e os soños infantís; a posibilidade de facer unha dupla lectura dos textos (unha dirixida para o público adulto, outra focalizada nos receptores primixenios deste grupo de historias); a potencialidade do humor como posicionamento dende que o ollar o mundo critica e ironicamente (a pesar das prohibicións, o enxeño e o sorriso preséntanse como as mellores armas para encarar a realidade); o rexeitamento da violencia (tan claro no veciño da escopeta d’As laranxas máis laranxas de todas as laranxas); o poder da narración oral (especialmente evidente n’”O peixe da fonte do xardín”); a aparición de personaxes minusvalorados polas comunidades para transmitir verdadades alternativas (“Os avións non son paxaros e polo tanto non poden voar”, afirma Leoncio), a importancia dos animais que axudan a comprender a realidade e interaccionan no universo humano (como ocorre n’O can Rin e o lobo Crispín) e mesmo a presenza da bomba de xoguetes e caramelos, posiblemente un precedente desas laranxas enormes que estoupan regalando todo tipo de obxectos a Anxa e os seus veciños n’As laranxas…

2009-08-18_IMG_2009-08-18_13-54-03_galinaMais se algo diferenza este texto do resto da produción infantil casariana é a súa condición de ser a obra máis combativa de entre todas as súas. A galiña azul resulta unha convincente arma contra a inxustiza, unha clara defensa da diversidade. Porque a maioría dos personaxes relevantes que van pasando por estas páxinas fanno para lembrar que aínda é posible loitar contra a homoxeneidade cando esta vén imposta, que formas alternativas de resistencia seguen existindo aínda que sexa pintando galiñas de azul e organizándose de xeito colectivo. Xa sexas un paxaro que se sacrifica por axudar a alguén diferente (un peixe), ou alguén loitador que teima e teima en chegar á súa meta aínda que non o consegue (a formiga esquiadora) ou un dos veciños que soñou con arrepoñerse ao poderoso (Manolito Listón) e o conseguiu ideando a súa realidade dunha cor distinta, esta é a túa obra. Unha obra que non só resiste poderosamente ben o paso do tempo, senón que ademais as actuais condicións sociais fan que estea de plena actualidade ao convidarnos a estar activos, a non deixarnos agochar baixo o gris. Unha obra que, permítanme que o diga, debera ser lectura recomendada (lembren: o verbo ler non soporta o imperativo, como deixou dito Pennac) en todas as escolas e institutos do país, porque obriga a pensar, a respectar á outra e a valorar o que é diferente a nós. Todo isto á vez que se reiventaba unha literatura infantil na que entraban a fantasía e o humor sen esquecer a realidade.



Deixa unha resposta