Crítica de ‘Quen dá a quenda?’ de Hector Cajaraville

quen_da_a_quenda

Narrar coa habelencia dos clásicos


Texto: Daniel Landesa


“Un Rodari!”, Coido que esa foi a exclamación que se escoitou no meu edificio cando tiven a oportunidade de ler as historias de Divina Sandamil alá polo mes de abril do ano 2015. E así é, Quen dá a quenda reúne todos os ingredientes que un libro destinado a converterse en clásico debe ter: personaxes que permanecen no recordo, maxia, unha protagonista que resulta unha verdadeira delicia, e, ante todo un tratamento da linguaxe marabilloso por parte de Hector Cajaraville que leva demostrado, logo de acadar o Premio Xerais de Novela, todo o que poden dar de si as novas voces que van xurdindo no noso panorama literario.

Porque éste libro é unha voz nova, si, mais que non renuncia ao conto clásico. Trátase de pequenas historias que levan como fío condutor o consultorio da meiga Divina Sandamil, quen se afana en procurar un remedio a todos os males que chegan a súa consulta nunha estrutura que conecta a narración co Decamerón ou os Contos de Canterbury. Divina Sandamil é unha personaxe arquetípica, a bondade personificada que só acepta como pago polos seus servizos a realización dunha boa obra. Mais todo o que poida haber neste libro de arquetípico, de “xa visto” quédase aí, nesa estrutura, porque, tanto no modo de contar de Cajaraville como nas personaxes que conforman a clientela da meiga é onde radica o marabilloso deste libro. O xornalista consegue na súa sucesión de personaxes dar unha reviravolta para facer que o relato vaia máis alá.

E é esa capacidade de chegar máis alá onde o valor deste libro se torna un xeito de nova cociña literaria, de servirse de toda a tradición literaria europea para facer un novo prato, igual de nutritivo que os clásicos, pero presentado dun modo apetitoso, e todo aderezado, por se fose pouco, cun fermoso traballo do ilustrador Ignacio Hernández.



Deixa unha resposta