A asociación Berce promove a través de Verkami o relato O grilo máxico de Antonio Manuel Fraga e Antonio Seijas

grilomaxico2

A Asociación Berce, que cumpre 20 anos e se dedica á acollida de nenas e nenos en situación de desprotección en Galicia, edita o libro O Grilo Máxico (infantil), obra inédita de Antonio Manuel Fraga (Premio Merlín 2013) e ilustrada por Antonio Seijas, co obxectivo de sensibilizar cara á normalización dos Centros de Menores.

Para participar como mecenas desta iniciativa, só hai que entrar na páxina de VERKAMI e buscar o proxecto O GRILO MÁXICO. Na páxina atoparás a descrición detallada das recompensas que podes obter a cambio das distintas achegas. Segundo a cantidade achegada, recibirás diferentes artigos, entre os que se encontran o propio libro, diferentes produtos solidarios da Asociación Berce e mesmo a posibilidade de que a túa institución ou empresa figure como colaboradora na edición impresa do libro.

A ligazón para acceder ao proxecto é a seguinte: http://vkm.is/ogrilomaxico

A campaña comezou o venres día 21 de agosto, e estará activa durante 40 días. O proxecto “O Grilo Máxico” forma parte das iniciativas desenvolvidas pola Asociación Berce con motivo do seu 20 aniversario, que celebra no ano 2015.

O obxectivo do presente proxecto, ademais conmemorar o 20 aniversario da Asociación de Iniciativa Social Berce, é realizar un labor de sensibilización da sociedade cara ás casas de acollida de menores e os menores que nelas residen, tratando de ofrecer unha visión normalizada dos Centros de Menores, afastada dos prexuízos herdados de modelos xa anticuados, principalmente asistenciais e pouco integradores (orfanatos, correccionais…).

Por outra parte, como obra literaria, o relato constitúe en si mesmo un instrumento de animación á lectura destinado ao público infantil (primeiros lectores).

Os protagonistas do relato

Bruno e Carlota son os nosos protagonistas. Eles representan todos os nenos e nenas que viven nas casas de familia da Asociación Berce. Nenos e nenas que por diferentes motivos (malos tratos, desprotección, abusos…) se ven na necesidade de abandonar o seu núcleo familiar e residir nunha casa de acollida.

Neste relato, Bruno e Carlota, que viven nunha destas casas de acollida, resolverán un misterio moi divertido e coñecerán un pequeno personaxe que porá patas arriba as súas rutinas diarias.



Deixa unha resposta