A DERRADEIRA LECCIÓN DO MERLO BRANCO

A DERRADEIRA LECCIÓN DO MERLO BRANCO


Texto: Celia Pereira Porto


9788491211228

No relato O soño do Merlo Branco, publicado postumamente por Xerais, o Agustín Fernández Paz danos unha das súas últimas leccións e segue a ensinarnos cuestións fundamentais, mesmo despois do seu prematuro falecemento, ou quizais por iso. Ademais o texto conta coas fermosas e acaídas ilustracións da Lucía Cobo, que son unha excelente compañía para as múltiples emocións que o libro nos transmite.

A protagonista e narradora do texto é unha voz feminina, algo frecuente na literatura agustiniana, por expreso desexo e vontade do seu autor, tan ben interiorizada, que se acabou por converter nalgo case inconsciente, como el propio afirmou, por exemplo, no texto “Desde outra mirada” (“As voces femininas nos meus libros”), publicado no seu testamento literario, O rastro que deixamos, coa coidada edición da Isabel Soto. Así demostra o Agustín que a igualdade de xénero, se se cre de verdade nese ideal, pode devir algo posíbel, “natural”, tanto na linguaxe e nas formas como nas praxes de relación entre os seres humanos, e que os homes, así mesmo, poden e deben ser suxeitos activos dese cambio, que lles afecta por ser a metade da humanidade e pola construción do seu propio rol de xénero, da masculinidade, que tamén condiciona os seus proxectos de vida, en virtude do seu sexo, aínda que moitas veces non sexan conscientes da súa transcendencia por terlles tocado a parte máis favorábel no sistema de reparto patriarcal.   

Mais desta volta a voz feminina protagonista e narradora non é humana: é a merla Bulebule a encargada de que, sobrevoando a morte do seu autor, faga que non cale o cantor e, polo tanto, siga emerxendo a vida, como expresou Horacio Guarany nos fermosos versos da canción Si se calla el cantor, tan ben interpretada por Mercedes Sosa.

No relato, escrito coa característica sensibilidade á que nos ten afeitas o Agustín que, por momentos, se volve puro canto, o autor, detrás da voz da merla Bulebule, lévanos nun voo fresco e áxil pola esencia vital, desde o máxico nacemento, até as máis bonitas, necesarias e diversas aprendizaxes: a descuberta do Sol, as cores, os sabores, o canto, o medo, a tristeza, a liberdade, a inxustiza, a soidade, a solidariedade, o amor…

Neste libro o Agustín confírmanos, unha vez máis, que sigue a estar de parte da Beleza, por usar as palabras doutro ser bo e espléndido poeta, o Lois Pereiro, que tamén morreu (aínda máis) prematuramente e co que forma parte xa da nosa Historia para sempre. Creo que se pode dicir deste texto, usando os termos do Lois (da “Modesta proposición para renunciar a facer xirar a roda hidráulica dunha cíclica historia universal da infamia”), que intenta “dalgún xeito non contribuír a que esa roda opresiva e maldita continúe a xirar eternamente, perpetuando, cun cíclico cambio de papeis de amos ou escravos, a mesma situación ata que a Terra estoupe de noxo e perversión, farta de nós”. Que o intenta e que o consegue.

O Agustín Fernández Paz é o Merlo Branco, na súa dupla faceta de persoa e escritor, e acada neste libro o seu merecido destino de continuar, máis alá da morte, co seu canto de vida, esperanza, luz e alegría; de ensinarnos o amor polas palabras e o sentido da beleza, a xustiza, a dignidade e a solidariedade; de contarnos as historias máis fermosas; de facernos rir, chorar e emocionarnos cos seus relatos; de descubrirnos todas as marabillas coas que a vida nos agasalla, comezando pola fortuna de que el propio forme parte de nós e da nosa literatura e de que podamos botar man das súas precisas e reconfortantes palabras cada día.

Por todas esas cousas O soño do Merlo Branco é unha lectura moi recomendábel e, en especial, agora que se cumpre o cabodano da triste e inmerecida morte do seu autor. Por iso é unha boa forma de homenaxear a súa memoria, de dicirlle que vive en nós e que nós revivimos nas súas eternas palabras, de agradecerlle o seu xeneroso maxisterio e o marabilloso legado que nos deixa: un tesouro literario, mais tamén, un afán, un desexo, un ideal, un proxecto, un empeño, unha utopía: a de construír un mundo mellor para todas as persoas, polo que o Agustín Fernández Paz, sen dúbida, viviu e traballou arreo, e do que podemos gozar por sempre, a través da súa obra e, sobre todo, quen non tivo a fortuna de coñecelo. Lede O soño do Merlo Branco e experimentaredes os instantes felices que provoca a súa lectura. Seguro!  

 

A Ponte, 12 de xullo de 2017.            

 



Unha resposta a “A DERRADEIRA LECCIÓN DO MERLO BRANCO”

  1. Diana di:

    Que fermosa entrada, Celia! Aínda non lin o libro, pero será unha boa lectura de verán. Grazas!

Deixa unha resposta