Agustín Fernández Paz

NA MEMORIA

“Os fíos da vida”

Nun día como o de hoxe cústanos escribir. Sentar diante do teclado e sacar do fondo da alma unha nota que cremos que debemos comunicar. Xa nos falta Agustín, a súa forza creadora, os fíos da súa vida se nos escapan hoxe entre as mans facendo que falar del sexa unha tarefa terriblemente ardua.

Persoalmente non tiven a oportunidade de tratalo, malia ter tantos lazos e amizades que me levaban a el. A nosa relación non foi máis alá dos amables correos que intercambiamos, precisamente co nacemento desta Revista Criaturas que, se hoxe existe, é en moi boa parte, grazas a el, porque a Agustín lle debemos todo o sabio e cordial consello que me/nos prestou para a formación deste pequeno espazo na rede. E aínda sen coñecelo, como sei que lle acontece a moitas das súas lectoras e lectores, sentinme sempre moi preto del, tanto pola proximidade da súa obra, como pola bondade que transmitía a súa personalidade pública.

Como de seguro xa sabedes Agustín comezou a publicar serodiamente, con corenta anos, mais fíxoo cunha devoción e un coidado dignos de encomio. Máis de sesenta obras de literatura e ensaio, a maior parte delas de “xénero” infantil-xuvenil que non nos imos deter a referenciar aquí porque xa están gravadas na nosa cultura. A súa contribución ás nosas letras é tan importante que me atrevería a dicir que se hai algunha esperanza para a nosa lingua, para a nosa cultura e para as nosas letras é, en parte, grazas ao seu incansable traballo.

A reacción que hoxe se produciu na rede coa noticia da súa marcha é boa proba do agarimo que a súa figura transmitía, cadaquén ten os seus motivos para sentirse hoxe fondamente desamparado, eu teño os meus propios. Ademais da súa obra, que por suposto admiro, sempre identifiquei a súa figura coa miña nai, unha persoa boa como penso que el foi, grande lectora coma el, agarimosa tamén. E, dalgún modo, quizais logo da Viaxe de Gagarín na que ofrece unha imaxe moza dun tempo no que a miña nai foi igualmente moza, aceptei esa identificación cun dos meus seres máis queridos.

E se hoxe escribo eu é porque, se cadra, son a persoa que, daquelas que formamos Criaturas,  non puido gozar desas conversas enriquecedoras e ben que o lamento. Quizais por iso son o único ao que o pulso lle chega para escribir, mais sei que podo falar por todas as persoas que, dalgún modo, participan deste pequeno proxecto e dicir que hoxe é un día terrible e desolador que nos deixa abatidos. Mais tamén sei que o espírito traballador e incansable de Agustín nos acompañará sempre. Non esqueceremos o teu exemplo, mestre.

 

daniel landesa



Deixa unha resposta