Clásicos – Crítica d’O Segredo da Illa Negra, de Agustín Fernández Paz

O Segredo da Illa Negra

Un mapa da utopía


Texto: Celia Pereira Porto


“As cousas do mar non se contan na terra”, repite e canta o Xurxo Souto como un eficiente e rigoroso notario mariño. Mais Agustín Fernández Paz, no seu libro “O segredo da Illa Negra”, crea unha utopía propia, bela e necesaria, para arredarnos do medo, para termos un futuro mellor e sen incumprir ningunha norma salgada.
O autor fálanos da xente do común e as súas historias, das que viven e as que soñan, dos homes e mulleres, de todas as idades, que coa súa “faena invisible hace(n) sol”, como canta o poeta Silvio Rodríguez Domínguez.
A obra está composta por dous relatos: “O segredo da Illa Negra”, que dá título ao libro, e “A maldición da néboa”. O primeiro conto é mariño e o segundo terrícola, mais ambos están protagonizados por nenas, Sara e Branca, e un ambiente de misterio e aventura que é a propia vida, sobre todo, cando aínda cremos, sen que importe a idade, que non vai en serio e que nola podemos levar por diante, como poetizou Jaime Gil de Biedma no seu “No volveré a ser joven”.
“O segredo da Illa Negra” transcorre na pequena aldea mariñeira de Arán e narra o intento de Sara por salvar ao seu irmán Uriel da maldición da Serea, que habita nas augas da Illa Negra. O mestre Agustín recrea unha fermosa mitoloxía mariña feminina. É a Dona das Augas a raíña do mar e non hai nin Neptuno nin Posidón, mais non é ela quen protagoniza o líquido azul verdoso nin a historia, senón unha moi peculiar santísima trindade formada por unhas buguinas valentes, xenerosas e divertidas: Taír, Luou e Druím. A súa axuda será decisiva para que Sara poda emprender a súa aventura.
As palabras precisas e xustas, xunto ás deliciosas imaxes, conseguen que acompañemos a Sara no seu arriscado empeño sentindo a humidade das pingas salgadas, o corazón apertado e os sons das buguinas, e é quen de darnos azos para crer, mentres facemos esa viaxe, que somos capaces de conseguir todo o que de verdade nos propoñamos.
Cunha nena de dez anos chamada Branca, no conto “A maldición da néboa”, entramos no centro da terra e no cerne de todos os nosos medos: quedarnos sen aquilo que queremos. A historia transcorre desta volta no interior, nunha granxa situada nun afastado val, a onde chega a praga da Néboa Negra.
No terríbel percorrido de Branca por vencer o mesto mal da Néboa Negra, as imaxes debuxadas polo xenial Miguelanxo Prado entretécense, de novo, tan ben coas palabras, que nos fan protagonistas dos temores e desacougos e, mesmo, nos impregnan de todos os arrecendos que emanan da historia.
Cumpre con creces Agustín Fernández Paz, tamén nesta ocasión, as expectativas xeradas por un magnífico narrador: crear unha utopía, da man de dúas nenas valentes, que nos sirve para camiñar, como nos ensinou Eduardo Galeano, e facelo tecendo devagar dous relatos que nos enganchan todo o tempo que dura a lectura, nos axudan a desfacer as sombras dos nosos propios medos e nos deixan o corpo cheo de gratas emocións cando, por desgraza, demasiado pronto, rematan.
A Ponte, 29 de abril de 2016



Deixa unha resposta