CRIATURAS DO MUNDO

Frankenstein 1931

Un pequeno bestiario da literatura universal.

De Pinocho ao Grúfalo.


Texto: Gracia Santórum


A Literatura infantil e xuvenil vive poboada por miles de criaturas fantásticas. Semella, daquela, que nenos e nenas gozan sentindo algo de medo ou cando menos medíndose con el, de aí que entre as páxinas impresas haxa pantasmas, monstros, vampiros, cocos, lobishomes e unha longa caterva fantástica. Non é que estas criaturas sexan perigosas: en realidade só queren revivir en canto o libro sexa aberto; este pequeno feito cárgaas de enerxía e volven ter poder. Resulta curioso que o medo ao descoñecido sexa propio de idades temperás e que ese tropel de criaturas vaia diminuíndo a medida que o ser humano medra.

O medo é real. Tanto, que moitas veces o feito de coquetear co aterrador convértese en pesadelo. Conxugar daquela o sono resulta case imposible. Por iso, ás veces, cómpre acudir a un libro no que os monstros poboen a noite para transmitir que eles tamén teñen medo e que necesitan mimos e coidados. Eses pesadelos, que viven no armario, poden ser convidados a durmir na cama para que o medo desapareza. Así o propuxo o americano Mercer Mayer no ano 1968 no seu libro Un pesadelo no meu armario: este autor ofrécenos un álbum ilustrado sobre os medos infantís contundente e efectivo grazas ás ilustracións que combinan plano xeral e plano curto para contar a sensación de medo do rapaz e o súpermedo do monstro que é quen máis demanda protección. Todo o libro suxire, porén, que o verdadeiro perigo non vive nos monstros que haxa detrás das portas senón nos propios medos. Haberá que combatelos.

Outro xeito de espantar o medo é acudir a diferentes argucias. O rato que inventa un Grúfalo para sobrevivir e logo resulta ser moito máis espilido é quen de atopar un monstro tal cal como el o deseñara: “arrepiantes garras e dentes arrepiantes na arrepiante queixada. Xeonllos broullentos e reviradas unllas e unha horrenda espulla”. Pero a intelixencia é quen domina calquera monstro, e a autora inglesa Julia Donaldson xunto co ilustrador alemán Axel Scheffer déixano claro. Un libro que se converteu nun “clásico instantáneo” debido ao éxito tanto da crítica coma do público. Este álbum data do ano 2001 e converteuse no libro ilustrado máis vendido en Gran Bretaña no ano 2002: foi colocado a carón dos outros grandes da literatura infantil anglófona como Maurice Sendak. Curiosamente, a autora baseouse nunha lenda folklórica chinesa para escribir o seu relato; orixinariamente a lenda falaba dun tigre, pero para topar palabras rimadas resultáballe moi difícil, polo que acudiu á onomatopea dun gruñido -“grrr”- para inventar o seu monstro.

Seguramente, falar de criaturas é pensar inmediatamente en monstros. E pensar en monstros é pensar en Frankenstein, o máis clásico dos monstros, nado da man da inglesa Mary Shelley en 1818. Un libro enmarcado na tradición da novela gótica, explora temas como a moral científica, a creación e a destrución da vida e a audacia da humanidade na súa relación con Deus.

Falando de clásicos e de criaturas terribles, a novela de 1897: Drácula do irlandés Bram Stoker presenta, sen dúbida ningunha, o vampiro máis famoso de todos os tempos. A novela estaba escrita de xeito epistolar, aínda que tamén presenta temas como o papel da muller na época vitoriana, a inmigración, o colonialismo ou o folclore. Non foi el o inventor da lenda, pero a súa influencia déitase nas moitas versións realizadas tanto en libro como en audiovisual (por exemplo, a realizada polo ilustrador arxentino Luis Scafati no ano 2007, onde realiza unha incursión ilustrada pola morte que vai devorando personaxes). Imposible non mencionar a versión realizada pola ilustradora española Ana Juan neste mesmo ano 2007 baixo o título Demeter. Unha tremenda versión dunha parte da novela primixenia: aquela que relata a viaxe inicial do personaxe principal a bordo do barco “Demeter” dende a cidade de Varna (Romanía) ata o porto de Whitby (Inglaterra).

Pero non todos os monstros son horripilantes. Poden ser Otra cosa e ser outra cousa significa tan só ser diferentes. Así o amosan no ano 2003 os ingleses Kathryn Cave e Chris Riddel nun álbum premiado pola Unesco que fala das diferenzas e do respecto cara aos demais. E, asemade, da soidade dos “monstros”.

E é que ata dentro de familias monstrosas, hai monstros ben diferentes. Este é o caso de Un monstruo muy especial das inglesas Angela McAllister e Alison Edgson, do ano 2010. Ligado a Un pesadelo no meu armario, esta sorpresa de monstro é coma un osiño de peluche que quere apertar. Un monstro doce e amigable que resulta adorable. Por que non pensar en monstros así cando haxa pesadelos nocturnos? Un novo álbum sobre a aceptación dos seres diferentes.

Sen marchar de onda os monstros, o americano Patrick McDonnell crea no ano 2012 un monstro, baseándose claramente nas súas ilustracións en Frankenstein, tenro e doce que dá as grazas constantemente, deixando aos seus creadores totalmente pampos en El monstruo de los monstruos. Cómpre precisar que os seus creadores eran á súa vez tres monstros que non se poñían de acordo en cal deles era o máis malos, aterrador e horrible. Así, ese enxendro creado por eles, debería cumprir unha función que non chega.

Intimamente ligado ao álbum de Mercer Mayer hai un monstro famento que come a escuridade. Esta é a proposta da escritora inglesa Joyce Dynbar e o taiwanés Jimmy Liao no ano 2010: El monstruo que se comió la oscuridad incide novamente nos terrores nocturnos; desta volta o monstro non está metido no armario, senón que anda por baixo da cama. De tanta fame que sente, unha fame insaciable, come sen parar e remata coa escuridade do mundo… pero esta cómpre que para que todo siga igual. Así que o monstro grande vólvese pequeno e amigo da neno que tiña medo. E é que a soidade é realmente o máis terrorífico…

Botando unha ollada cara atrás, compróbase como e en que medida foron necesarias as criaturas: criaturas lendarias, fantásticas, presentes nas mitoloxías de todas as civilizacións e en todas as lendas tradicionais da cultura popular. Poden ter corpo de animal, ou non; poden combinar partes de diferentes animais, poden ter partes humanas, poden ser máis ou menos corpóreos ou poden ser máis ben espirituais. Un catálogo imprescindible é Animais fantásticos do portugués José Jorge Letria e o seu fillo André Letria, un libro que vén a ser unha galería literaria e visual.

Nas súas páxinas repousan a ave fénix, o basilisco, o bucéfalo, o cérbero, o centauro, o ciclope, o dragón, a esfinxe, o fauno, o grifón, a hidra, o lobishome, o minotauro, o ogro, o pegaso, a salamántiga, a serpe mariña, a serea e o unicornio. Estas criaturas ocupan auténtico espazo nas civilizacións e nas mitoloxías, pero sobre todo nas lendas tradicionais que logo se converteron en libros, algo que serviu de alimento a miles de nenos e nenas ao longo dos séculos.

Outro tipo de criaturas foi creado polo particular universo do americano Edward Gorey, artista que falaba de si mesmo como que a súa misión na vida “consiste en producir a maior incomodidade posible, porque así é o mundo”. En El zoo absoluto, creado en 1967, unha colección de animais exóticos, de todos os tamaños e condicións, poboan as súas páxinas.

Dentro deste abano enorme de posibles criaturas, hai algunhas con aspecto humano que poden chegar a selo. O italiano Carlo Collodi publicou en 1883 As aventuras de Pinocho onde o protagonista da historia, Geppetto, crea un monicreque para cubrir a súa propia soidade. Esta criatura é educada no honor, na verdade e na virtude, características humanas que a criatura debe posuír para chegar a converterse en persoa. Outra cousa diferente é que nacer ser humano signifique posuír estas virtudes, pero esa xa é outra historia.

Pinocho non é o único monicreque que chega a ser humano. Hai outros que deciden por si mesmos procurar a liberdade, rachar as cadeas que o atan ao monicrequeiro e vivir por conta propia, procurando os propios erros e acertos. Este é o caso de Zimbo do español Arturo Abad con ilustracións da polaca Joanna Concejo, do ano 2011. Rachar con lazos físicos para construír lazos afectivos, moito máis importantes e duradeiros. A historia constrúese coa dor da separación, co mérito de nos ofrecer as dúas faces do espello: a tristura que lle xera ao boneco a falta de liberdade e a tristura do monicrequeiro por deixar marchar un seu fillo. Pero hai criaturas que necesitan verse libres para poder experimentar o mesmo que os humanos.

Ás veces, semella ser posible que o lector ou lectora constrúa o seu propio animalario. Cando menos, iso sucede coa proposta do español Javier Sáez Castán no seu Animalario Universal del profesor Revillod.

Un libro provocativo porque provoca curiosidade, sorrisos, xogos… e sobre todo provoca non querer pechar o libro durante ben tempo porque as súas páxinas axudan a viaxar ben lonxe.

Nesta mesma liña o libro Estrambólicos dos portugueses André Letria e José Jorge Letria, criaturas estrañas e multiformes que o lector ou lectora pode combinar e cambiar tanto de aspecto como de forma. De 16 personaxes poderanse formar ata 4096 novas identidades, o que dá pé a xogos malabares tanto con palabras como con ilustracións.

Hai criaturas salvadoras e hai criaturas horripilantes. Mesmo hai criaturas concienciadas, aquelas que tentan axudar a humanos e humanas a coidar o seu propio mundo e ter un futuro asegurado. É o caso de Los Gulinos, simpáticos alieníxenas que procuran salvar o seu planeta. Da man dos españois Luis Amavisca e a ilustradora Noemí Villamuza, imposible non alentar á poboación a reciclar e coidar o medio ambiente.

Miles de criaturas de todos os estilos e condicións poboan a literatura infantil e xuvenil. Animais fantásticos que posúen característica humanas, con sentimentos e experiencias propias dos humanos: unha literatura simbólica onde estes animais axudan normalmente a explorar emocións e relacións entre os seres humanos. Outro tipo de “criaturas” poden ser os xoguetes coa capacidade humana da fala; estes cobizan polo xeral converterse en humanos —xa se falou de Pinocho— e presentan ademais rasgos humanos. Logo, pantasmas e criaturas sobrenaturais que non teñen explicación, moitas aborrecidas, temidas e temibles. Outras veces é posible atopar criaturas grazas ás viaxes que se realizan dentro da narración, o que dá un grao de verosimilitude a calquera tipo de criatura que se atope no transcurso desa viaxe. Esa é a proposta final: o lector ou a lectora poderá descubrir aínda miles de páxinas impresas poboadas por outras tantas criaturas diferentes, deliciosamente tenras ou maliciosamente abominables. Da ollada do lector ou da pluma do escritor dependerá en cada caso.

Descárgao en PDF

Descárgao en PDF



Deixa unha resposta