Crítica d’A cazadora de estrelas, de María Canosa

caadora

O IMPRESIONISMO ESTELAR


Texto: Celia Pereira Porto


Hai libros que están feitos de cores. Aprendino a primeira vez que lin A cazadora de estrelas. E non só polos extraordinarios lenzos do xenial ilustrador Dani Padrón, senón tamén polas máxicas palabras da María Canosa, cheas de estelas policromadas polas que viaxei feliz desde o primeiro momento. Supoño que por iso precisamente foi finalista do Premio Merlín de Literatura Infantil o ano 2015 e recuncou o 2016.

María Canosa, como unha prodixiosa pintora de fonemas, escolle as cores de forma rigorosa, con sentido e emoción. Dálle vida ao dicionario cromático e crea con el unha historia de aventura e misterio, que desenvolve, simultaneamente, unha teoría da xustiza, a amizade, a solidariedade, a honestidade, a democracia e a dignidade, mais que se entretece e mestura co relato de forma acaída e brillante, xerando unha trama fluída e atractiva, sen grumos moralistas que puideran facer indixesta a lectura.

As plumas das frechas da Megumi, a protagonista, son de cor lila, a cor que está xusto entre a azul e a rosa. É a mellor cazadora de estrelas e a única que ten frechas desa cor. Turrón é o nome da egua que sempre a acompaña, coa que forma un equipo que se nutre dunha confianza total, e á que coida e mima como o fai tamén coas estrelas, ás que trata con suma delicadeza. Ese é o xeito en que Megumi está no mundo e convive na comunidade: Empatía podería ser moi ben o seu alter ego.

Porén, Zeus, o segundo mellor cazador, é moi competitivo e xoga con malas artes. Se cadra por iso o seu cabalo ten tamén nome de deus: chámase Marte, a representación da guerra na mitoloxía romana. As súas andanzas tramposas e egoístas veranse recompensadas por Megumi de forma inesperada e xenerosa. Aínda que nada máis podemos adiantar para non desvelar o final e estimular a lectura, o certo é que a historia da Megumi, a cazadora de estrelas, nos confirma que a honestidade e a xenerosidade son os valores e actitudes vitais máis eficientes para xerar enerxía positiva, polas que a xente se motiva, muda, se conmove e da o mellor que ten para facer da súa comunidade e, por extensión, do mundo, un lugar mellor para vivir. Unha aprendizaxe moi interesante e necesaria, polo tanto, para a sociedade contemporánea, onde sopra o furacán do neoliberalismo, co veleno pedagóxico do individualismo, inoculado no sistema educativo, entre outros instrumentos, a través dunha educación financeira con ese nesgo ideolóxico.

Por todos eses elementos a lectura de A cazadora de estrelas é amena e nutritiva e, en consecuencia, recomendábel. Porque xera ilusión. Porque contén as vitaminas da autenticidade. Porque, como dixo Celso Emilio:

“Erguerémola espranza
sobre ista terra escura,
coma quen ergue un facho
nunha noite sin lúa”.



Deixa unha resposta