Crítica d’As palabras poden matar (Marcos Calveiro, Edicións Xerais)

Aspalabraspodenmatar

As palabras poden matar


Texto: María Jesús Fernández


Unha das capacidades máis salientables que ten a ficción literaria é a de achegar aos lectores, dunha maneira absolutamente vivencial e próxima, situacións e acontecementos que mesmo poden estar moi lonxe da propia experiencia, propiciando así a empatía e a identificación cos protagonistas e cos feitos que se relatan.

En varios dos libros que Marcos Calveiro dirixe a mozos e mozas podemos atopar unha evidente preocupación do autor por dar coñecer a este público lector algúns dos grandes problemas que afectan á humanidade no momento actual e nos que os nenos e nenas son vítimas especialmente vulnerables. É o caso da novela O carteiro de Bagdag (2007) na que se trata o tema da guerra e as súas fatais consecuencias na vida cotiá dunha familia iraquí , ou de Palabras de auga (2012) que traslada o seu escenario á África subsahariana para, tamén a través dunha familia, amosarnos a dura vida dun pobo que foxe desesperadamente da fame e da violencia.

Nesta novela que agora comentamos, o autor volve a súa mirada a outra desas terribles realidades que subsisten nos nosos días e sitúa a trama do relato nunha colonia de chabolas e casopas, situada nun outeiro preto dunha populosa cidade nun país de América Latina, unha desas” vilas miseria” das que só temos coñecemento cando ocorre unha traxedia como que unha enxurrada arrastre as precarias choupanas monte abaixo deixando nos titulares dos xornais a noticia dos mortos e desaparecidos. Nun deses lugares, chamado colonia Seavia, viven os personaxes desta historia.

Poderíamos dicir que a novela ten un protagonista colectivo que son todos os habitantes do lugar, homes, mulleres , mozos e mozas, meniños, que alí subsisten nun presente de condicións extremas, cun pasado que xa non recordan e, sobre todo, sen futuro. Neste barrio sen lei, onde todos desconfían de todos, viven sometidos ao terror e ao silencio impostos por medio da opresión e da violencia. Nada escapa ao control do Chibo, figura omnipresente e todopoderosa, e dos seus sicarios, implacables executores que non esquecen nin perdoan ningunha rebeldía, ningunha ofensa. No pequeno universo de desolación que é a colonia Seavia, pechado e sen saídas, un día aparece un insólito personaxe que ninguén sabe de onde vén nin que busca alí, é un home novo, de aspecto estrafalario, que se comunica unicamente con xestos e carantoñas e a quen algúns dan en chamar Silencio… Ese é o elemento perturbador que pon en marcha a acción da novela.

Dentro dese protagonismo colectivo dos habitantes da colonia Seavia, o autor rescata uns personaxes e fai recaer neles o peso da historia. Tamén nesta ocasión se trata dunha familia: Maisa, a nai, que hai moitos anos foi unha moza enganada na ilusión de acadar unha vida mellor, e que agora é unha muller dura, desesperanzada, que ten o home no cárcere e que loita por sacar adiante os seus dous fillos. Efrén, o máis vello dos irmáns, un mozo soñador e rebelde que fantasea con saír da miseria e conquistar o amor de Daiara,a moza máis fermosa da colonia, pero sabe que para poder acadar os seus soños a única posibilidade que ten é formar parte dos secuaces do Chibo. O pequeno Marcelo que adora a súa nai e tamén ao seu irmán maior aínda que non o entende e que , como todos os nenos, busca xuntarse cos amigos para xogar ao xogo cruel de “Sicarios e Laretas” no que os rapaces, alternando os papeis, morren e matan varias veces cada día. E, ao redor deles, outros personaxes que o autor quere singularizar: O Chibo, capo supremo de espírito mesiánico, dono das vidas de todos eles; Dona Rosa, a vella veciña, que pasa a vida esperando inutilmente o regreso dos seus fillos desaparecidos; a fermosa Daiara que tamén soña con fuxir, tanto da miseria na que vive como da maledicencia dos veciños que consideran a súa beleza un indicio inequívoco de pecado; Alexandre, o mellor amigo de Efrén, que toma unha terrible decisión empurrado pola situación da súa familia e pola súa propia debilidade; O vello Abimael, o mestre, que pensa que ningún habitante da colonia debe esquecer o seu pasado…

O gran narrador que é Marcos Calveiro constrúe a súa novela dándolle o principal protagonismo ás distintas voces narrativas, de maneira que nos dezasete capítulos dos que consta o libro vanse alternando sucesivamente a voz dun narrador omnisciente e as voces en primeira persoa dos principais protagonistas. O narrador omnisciente é quen sitúa a acción e a fai avanzar, describindo eficazmente o ambiente e narrando os acontecementos que se van sucedendo , e as voces dos personaxes toman a forma de monólogo interior amosando os sentimentos máis íntimos de cada un deles. Este recurso, ademais de achegar riqueza expresiva e dinamismo ao relato, ten o interese de ofrecer unha visión poliédrica da dura realidade que se describe.

Como xa dixemos, é a chegada dun estraño personaxe o elemento que, alterando o precario equilibrio imposto pola forza, pon en marcha o motor da historia e desencadea dramáticos acontecementos nos que a traizón se mestura co heroísmo e que reflicten a situación de opresión e inxustiza que se vive na colonia. Estes tráxicos sucesos tamén serven para que estoure toda a carraxe acumulada e, aínda que sexa por breves momentos, se contemple a posibilidade dun cambio. O final, aberto, deixa en nós un sentimento ambiguo, de tristura e tamén de esperanza xa que , dándolle a volta ao título do libro, se pon en evidencia que as palabras tamén poden ser liberadoras.

Moi salientable é tamén o coidado uso que Marcos Calveiro fai da linguaxe, como xa é norma nas obras deste autor, sempre preocupado pola precisión e riqueza dos termos e pola forza expresiva do discurso.



Deixa unha resposta