Crítica de Amizades secretas, de Agustín Fernández Paz (ilustracións de Marta Altés/Grupo Rodeira)

CUBIERTA amizades secretas gal.indd


Texto: Mercedes Queixas


Amizades secretas é o primeiro título que nos ofrece Agustín Fernández Paz logo de se coñecer a comezos de ano que a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega vén de o propoñer como candidato ao Premio Nóbel de Literatura, un nome referencial para as letras galegas desde hai aproximadamente tres décadas, que vén sumarse ás outras dúas candidaturas anteriores, Xose Luís Méndez Ferrín e Luz Pozo Garza.

Unha candidatura presentada perante a Academia sueca desde o orgullo de estarnos ante un autor de traxectoria literaria incansábel, de alento constante, amplamente recoñecida polo lectorado, pola crítica, pola súa presenza senlleira noutros sistemas literarios a partir da tradución, esoutra póla irmá da creación literaria; un escritor que colocou a LIX galega na centralidade do noso canon literario, obxectivo irrenunciábel como ferramenta precisa para a formación do novo lectorado sempre e de xeito basilar no caso galego, alimentándose dunha lingua propia aínda en proceso de recoñecemento e normalidade de uso social.

Nesta ocasión, como é ben característico na creación do noso autor, a imaxinación e a acción teñen dona, convertendo o protagonismo infantil feminino no epicentro da palabra e das ideas.

A familia de Beatriz estrea piso, así que, considerándose amos e donos absolutos do espazo, ocupan o seu tempo en arranxar todos os obxectos persoais, multitude de libros, aparellos domésticos e computadores do cuarto de traballo do pai.

Todo un universo para explorar e toda a emoción comprimida en si propia desde a tarde anterior en que chegara alí por primeira vez. Por iso a primeira noite, na estrea do cuarto e da nova cama, custáralle cociliar o sono.

Mais, coa luz inmensa que ocupaba a casa grande no novo día, todo era expectación proclive para a imaxinación sen fin de Beatriz ao lle relatar á nai, afeita ás súas fantasías, o acompañamento pola noite no seu cuarto de catro ou cinco fantasmas, polo menos!, e dun monstro peludo que ben seguro había de ser o Monstro dos Ruídos!

E para rematar de lle describir á nai aquela sucesión de sorprendentes aparicións… chegou o que faltaba: un rato! Todo pronto para a nai de Beatriz alcumar aquela nova vivenda familiar como “A Mansión dos Horrores”.

O certo é que hai que ter ollos de nena espilida para ver máis aló das olladas ocupadas dos maiores. E así foi como Beatriz se converteu na primeira veciña que descubriu que non sempre son os humanos os primeiros habitantes dunha casa e que o concepto de familia xa estaba instalado naquela vivenda de moito tempo atrás.

Cando Beatriz e Ollos Grandes se descobren coa mirada, xa non estaba tan claro quen era o Monstro da casa: a persoa ou o rato?

A curiosa e destemida ratiña Ollos Grandes gustaba de pasear e brincar fóra do tobo por aquela vivenda baleira que case convertera na súa segunda casa e, aínda que aquela noite lle custara durmir polo barullo que escoitara no leito de papeis rillados que ocupaba na cámara de aire que separaba as dúas vivendas do primeiro andar, a potente luz do sol convidouna a dar un paseo en liberdade.

Mais descubertas, cara a cara, Beatriz e Ollos Grandes, e confirmada a existencia da ratoeira nas delatadoras rilladuras de galletas, queixo e torta, non conviñeron os saúdos de rigor e boa educación, senón que se instaurou unha declaración de guerra.

O pai dos ratos aprendeulles a coñecer hábitos, comportamentos e índice de perigosidade daquelas persoas, mentres que o pai de Beatriz acordou unilateralmente que había que acabar con aquel bicho perigoso.

Mais Beatriz ten outros plans rateiros, quere atreverse a descubrir por si propia quen é quen; quere xogar e compartir o queixo e mais o peto da súa saia.



Deixa unha resposta