Crítica de Cadros dunha exposición, de Jose Antonio Abad Varela e Xosé Cobas (Kalandraka)

 

CUADROS portada.fh11

Cadros dunha exposición


Texto: María Jesús Fernández


Dende hai un tempo pode observarse na LIXGA un notable incremento na edición de libros-disco.  Na súa maioría trátase de libros que recollen poemas,  ben de autor ou ben procedentes do folclore popular, musicados e dirixidos ao público infantil, presentados con profusión de ilustracións en formato álbum.

Unha proposta diferente é a que fai a editorial Kalandraka na súa colección de música clásica descritiva. Neste caso trátase de ofrecer álbumes ilustrados nos que, ademais da linguaxe mixta texto literario- ilustración, esencial en todo álbum, incorpórase unha terceira forma de expresión como é a música que suma a súa particular linguaxe ao significado total da obra.

O libro que comentamos, terceiro da colección, responde a estas características e, se ben ten como principais destinatarios os nenos e nenas dende as súas idades máis temperáns, constitúe un claro  exemplo do que en literatura se vén chamando crossover, é dicir un libro que,  vencendo os prexuízos que con frecuencia adoptan os adultos respecto da LIXGA,  pode interesar por igual a lectores de todas as idades, en especial aos amantes da arte e dos libros fermosos.

Polo que respecta á música, Cadros dunha exposición  é unha suite de quince pezas, típica mostra de música descritiva, composta polo músico ruso Modesto Petrovich Mussorgsky no ano 1874 (Con orquestración e arranxos de Maurice Ravel no ano 1922). Con ela Mussorgsky quixo render homenaxe ao seu amigo Viktor Hartmann, pintor e arquitecto morto prematuramente o ano anterior. Para facelo elixe dez cadros dunha exposición póstuma do artista e os recrea debuxándoos de novo coa súa música. Estes dez cadros son: Gnomos, O vello castelo,  Tullerías, Bidlo, Ballet dos pitiños nas súas cascas, Dos xudeos polacos, O mercado de LImoges, Catacumbas, A cabana sobre patas de galiña e A gran Porta de Kiev. Ademais, como inicio da composición e como tránsito entre un cadro e outro, Mussorgsky crea un tema chamado Promenade (paseo) que vai acompañar ao oínte-espectador ao longo de toda a composición,  como un  paseo polas salas dun museo ou galería.

A parte literaria do álbum corre a cargo de José Antonio Abad Varela que no seu breve texto fai  aparecer un singular personaxe, Ocazul, unha gansa noviña que nun despiste abandona o grupo das súas compañeiras  e entra no Hermitage. Alí queda abraiada pola grandiosidade do edificio e polos cadros que se exhiben na  Sala de Exposicións. A súa curiosidade leva a Ocazul a observar detidamente os cadros alí expostos que cobran vida coa súa presenza. E así, acompañando a Ocazul no seu deambular polo museo, observando o que ela ve  e seguindo a música de Mussorgsky, temos nós o privilexio de gozar co percorrido polos salóns do Hermitage.

Polo que respecta ás imaxes, as excelentes  ilustracións do libro son obra de Xosé Cobas que, utilizando a técnica do óleo, acada nesta ocasión un dos seus traballos máis fermosos. Nas primeiras páxinas, seguindo os pasos de Ocazul, amósasenos o exterior e o interior do Hermitage  nunha fidedigna representación  da súa arquitectura, envolta en suxestiva luz que realza a beleza do lugar e crea un clima misterioso. Cando empeza a música, e mentres soa por primeira vez a Promenade, van aparecendo  ao longo dun corredor e en páxinas sucesivas os dez cadros de Viktor Hartmann, uns inspirados  moi libremente na obra do autor que chegou aos nosos días e outros creados expresamente   para a ocasión (Hai que ter en conta que unicamente se conservan cinco destes cadros). É interesante deterse nestas primeiras imaxes porque nas páxinas seguintes van aparecer de novo con sutís diferenzas.

A continuación, e mentres a música vai describindo as distintas escenas, as imaxes da dobre páxina propoñen o  seu propio ritmo, ao tempo que dialogan coa melodía e tamén o fan entre si e co receptor. Na páxina da esquerda, que é a que acolle o texto, volve aparecer  o cadro correspondente en tamaño reducido, pero  xa non é exactamente o mesmo, algo ten variado:  un novo encadre, algo que falta, algo que mudou de posición …,  Mentres que, ocupando toda a  páxina da dereita, ofrécesenos unha terceira  versión totalmente nova que amplía e  afonda  no significado das anteriores. Así, música, texto e imaxes permítennos ver vivencialmente os cadros da exposición: Os movementos grotescos do trasno coxo, o vello castelo onde un trobeiro interpreta a súa melancólica melodía, participamos dos xogos infantís no parque das Tullerías, vemos avanzar con dificultade a enorme e pesada carreta tirada por un par de bois… E  entre cadro e cadro, nos momentos que se corresponden coas distintas promenades, as dobres páxinas amosan unha técnica moito máis abstracta onde as delicadísimas  formas e os xogos de luz e color propóñennos unha metáfora visual , ou mellor unha  sinestesia plástica, como representación da  música mesma.

Terminado o percorrido, na última dobre páxina, cando aínda resoan os maxestosos ecos da última  peza  que acolleu o gran desfile diante da Porta de Kiev, unha nova imaxe do exterior do Hermitaxe permítenos ver que Ocazul saíu do Museo para reunirse coas súas compañeiras , pero algo ten ocorrido,  se ao principio só era unha máis do rabaño, a experiencia vivida transformou a pequena gansa que agora está perfectamente singularizada.   E algo similar ocorre tamén con nós, oíntes e espectadores, que acabamos transformados despois de gozar con todos os sentidos desta  obra de arte.

 

 

PARA SABER MÁIS:

Concerto didáctico sobre a obra de Modesto Mussorgsky.

 

 

 

 



Deixa unha resposta