Crítica de Esmeraldina, a pequena defunta

esmeraldina

Fantastique Esmeraldine


Texto: Celia Méndez


A morte, pero a morte dende os ollos dos que se van, a morte que doe pouco, que provoca risos, e non por ausencia de sentimentos, senón porque todo o que a acompaña ten pouco ou nada de tebroso. A morte coa que ninguén marcha para sempre. Este é o tema principal da precuela que Ledicia Costas (Vigo, 1979) escribe á premiada Escarlatina, de título Esmeraldina, a pequena defunta.

Aínda que se ambienta no Salvaxe Oeste, nun hotel de estilo francés, recolle con gusto as tradicións asociadas á morte que xa teñen cabida na nosa literatura popular galega: a morte acompañada de visións, espíritos e aparicións de masas fantasmais, que recordan á Santa Compaña porque mesmo se presentan en grandes grupos ou mesmo velorios de corte convencional e costumes arraigados onde a tristura se mestura co humor e coa sátira.

O morto dende sempre se velou na casa porque desa maneira parecía que este aínda non marchara de todo. Xa tradicionalmente o humor formaba parte deste acontecemento: as bromas ao morto por parte dos asistentes máis novos ao velorio, despois de beberen algún licor, eran do máis común. No caso de Esmeraldina, é a nena quen, convertida xa en espírito, failles bromas aos vivos durante unha tirada de fotografías.

Costas presenta neste libro unha morte singular, con nome propio e en maiúscula: “Morte é aquela a quen máis temen os vivos e a quen máis respectan os mortos” ao redor da cal se producen unha morea de emocións contraditorias, tendo en conta as que sente a familia, por un lado e as que sente a defunta, polo outro: o gozo e o divertimento da morta mestúranse coa tristura e o pesar dos seus achegados. Toda esta mestura de sentimentos quedan perfectamente retratados nas ilustracións, que veñen de novo da man de Víctor Rivas e que nos volve traer á memoria as películas de Tim Burton.

Alén disto, o humor está presente ao longo da obra nas palabras da protagonista á hora de describir a morte: “Baléirate por dentro e non tes corazón, nin dor de barriga, nin sequera gana de facer pis”. Tamén á hora de facer referencia á empresa encargada do cadaleito de nome Pombas fúnebres, e asemade en diferentes indicacións que dá acerca dos nomes que estes teñen unha vez pasan a formar parte do Inframundo e dos que xa gozamos os que lemos a segunda Escarlatina: “non lle collas cariño ao nome que che puxeron teus pais. É mellor que o saibas desde xa: no Alén Mundo ninguén conserva o seu nome de vivo” e de aí que Esmeraldina, falecida debido á febre escarlatina pase a chamarse Escarlatina; o Aforcado, Machucati, esmagado por unha manda de bisontes; ou o nome da familia dos Infernos que faleceran durante un incendio fortuíto.

Tamén neste capítulo aparece representado á perfección o cacique, o home sen corazón, vil, un “bazuncho perverso de costumes primitivos” no personaxe de Amancio. Porque volven antigos personaxes que xa aparecían no libro da Escarlatina como Nicotina, encargada de carretar os mortos ao Alén Mundo e por suposto o arañón francés que acompaña fielmente a nena dende a súa morte en todas as aventuras que lle sucederán dende a súa morte.

Por outro lado, se xa o avó de Román era a persoa sobre a que xiraba gran parte da trama na Escarlatina, neste libro, Ledicia Costas vólvelle dedicar esta honra a unha avoa, a avoa de Esmeraldina alcumada “A Tremenda”, facendo referencia tanto ao seu exceso de peso coma ao seu carácter forte, unha persoa de gusto tradicional, cun lixeiro medo ao exótico: “Arrincoulle o sapoconcho da man e botou o cubano da cociña” pero que posúe o cargo máis alto dentro da Brigada de cuisine. É unha peza fundamental no libro xa que non se poden esquecer as receitas recomendadas por ela mesma que se recollen, esta vez, todas xuntas, na parte final deste.

Sabido xa o gusto da autora pola Historia, que queda reflectido no seu libro Un animal chamado Néboa, tamén na Esmeraldina aparecen referencias deste tipo, nomeando a “Buffalo Bill” en relación coas inxustizas sociais “sempre loitamos en contra da escravitude e pola protección dos desfavorecidos”. Neste sentido, Costas trae a colación a inocencia dos nenos na descrición que Esmeraldina fai sobre a escravitude nas mans dos homes e mulleres negras “cultivadores de nubes” trazando así un bosquexo do que serían os seus duros traballos no algodón.

Pero non todo é inocencia senón que Esmeraldina tamén ten carácter e valor, e mesmo ousadía, para enfrontarse ás adversidades, “disposta a ser máis valente do que fora xamais, aínda sabendo que levaba todas as de perder”. Con todo, o pracer de podermos contar cos amigos en calquera momento, o marabilloso que é facer o ben e obter recompensa, a unidade familiar como símbolo do éxito, son a chave que abre a ventá ao goce desta obra, chea de sentimentos e emocións de man dos seus protagonistas e que “no fin de contas, hai corazóns que latexan máis alá da morte. E iso é o único que importa” .



Deixa unha resposta