Crítica de Os Bolechas van á Mariña lucense (Pepe Carreiro, Ediciones Bolanda)

bolechas mariñaos

Os Bolechas mariñaos


Texto: Armando Requeixo


Os Bolechas son unha factoría de imaxinación. Poucas iniciativas infantoxuvenís teñen feito tanto e tanto bo a prol do espallamento da nosa cultura e a nosa lingua entre o lectorado máis novo. Carlos, Loli, Pili, Braulio, Sonia, Tatá e Chispa (amais doutra parentela) son a familia máis popular para unha xeración que aprendeu, mercé ás súas andainas, moito do mundo que os rodea.

O soñador deste milagre bestsellerizado que os Bolechas son non é outro que Pepe Carreiro, creador sobradamente coñecido, quen publica baixo o selo de Bolanda as peripecias desta familia por toda parte. É o caso do álbum sobre o que quero dicir agora, Os Bolechas van á Mariña lucense, volume que insire dentro da colección de guías que levaron os personaxes o pasado ano por lugares como Carballo, Lousame, Santa Comba ou Sober.

Os Bolechas van á Mariña lucense engade ao pracer da lectura un evidente valor didáctico que pode, e debe, pórse de relevo. É máis, todo o álbum está concibido como un completo roteiro polas terras norlucenses baixo a deliciosa escusa dunha carreira de autos anfibios (terra, mar e río) que levan a cabo os Bolechas contra as trampulleiras irmás Arredemo. Con tal escusa, Tatá, Chispa e compaña percorren os máis emblemáticos lugares da contorna da vella provincia mindoniense e, ao tempo que acontecen os imprevistos da carreira, van cruzando por enclaves turísticos de innegable atractivo que, deste xeito, fican na memoria visual das cativas e cativos que por primeira vez saben deles.

Neste sentido, o roteiro da carreira que leva os Bolechas polos eidos nordesíos non pode ser máis suxestivo: arrincan no Vicedo, a carón da coñecida Ponte de Ferro, para pasar logo polo Ourol de fermosas casas indianas pé do río Bravos, a Praia de Esteiro en Xove co seu Faro do Roncadoiro, A Maruxaina en Cervo e a célebre fábrica de Sargadelos sita na parroquia do mesmo nome, o Monte do Castelo en Burela e a Praia da Marosa que ve chegar o prezado bonito, a moi turística Praia da Rapadoira en Foz e a antiga basílica de San Martiño, a masa impoñente do Xistral no Valadouro coa súa Fervenza da Onza, o maxestoso Mondoñedo presidido pola catedral do bispado, a Igrexa de Valdeflores en Lourenzá e mais a Ponte de Pedra xacobea, o mítico castelo de Pardo de Cela nas landas do río Ouro, a Praia da Pasada e a Fervenza e Capela de Santo Estevo en Barreiros, a famosísima Praia das Catedrais cos seus arcos de pedra acantilados sobre o Cantábrico e, xaora, os lindes coa irmá Asturies pola Ponte dos Santos para logo revirar pola Fraga de Vilapena en Trabada e a das Reigadas na Pontenova (esta última declarada pola UNESCO reserva da biosfera) e rematar a carreira en Riotorto, ao sopé da Igrexa de San Pedro.

Por tanto, cómpre salientar que este Os Bolechas van á Mariña lucense é un inmellorable escaparate pedagóxico para que as crianzas vaian familiarizándose cunha xeografía que atesoura non poucas alfaias. Sorprende, porén, que non figure neste percorrido Viveiro, quen moito o merecía tamén. Talvez a razón haxa que procurala na loxística patrocinadora das municipalidades que houberon (ou non) participar da aventura. Secasí, non deixa de ser unha mágoa que tan relevante vila que a todos recibe coa súa señorial porta de Carlos V non puidese ver pasar por baixo dela os amigos Bolechas. Doutra vez será, agardamos.

Ben ameno, informativo e imaxinativo este novo periplo dos Bolechas, na ocasión por unha bisbarra que sempre merece esa visita á que a obra convida, unha viaxe en familia e coa complicidade dos máis novos da casa, que con certeza desexarán ver aqueles lugares polos que os seus admirados personaxes trazan a trepidante e accidentada carreira deste entretido relato.



Deixa unha resposta