Crítica d’Os Cabezombis na Mansión Espello, de Patricia Mallo

os-cabezombis

Unha de zombies


Texto: Daniel Landesa


Hai uns meses tiven a oportunidade de achegarme ao primeiro libro de Patricia Mallo, Os cabezombis na mansión espello, que me deixou un sabor agridoce, unha experiencia na que acumulei unhas sensacións fantásticas durante a lectura mais que se mesturaron coa percepción de estar ante un universo que podería dar moito máis de si. A parte máis gorentosa desa experiencia lectora parte da mestura marabillosa entre o real e o fantástico que Mallo propón, xa que. aínda tratándose dunha novela cun ton realista os singulares personaxes que lle dan título levan a narración cara ese territorio descoñecido e atraente da imaxinación.

É así que tras un inicio arquetípico (protagonista que herda unha mansión dun parente próximo e ao que tal legado só lle importa polo seu lado sentimental) a novela é tomada por uns seres caóticos e case histéricos  como son os cabezombis, que malia a similitude do termo, nada teñen de zombies senón simplemente de pequenos monstros cunha desproporcionada superficie cranial. Non obstante, ao final un queda coa sensación de que eses personaxes, que adquiren o carácter de actores principais desde o mesmo título, acaban quedando a medio camiño, cun protagonismo que se limita a ambientar o que é a historia principal.

Sobre a historia realista, como dixemos, parte do argumento clásico da herdanza dunha mansión, que non por manido deixa de ser atraente. Quen realmente é o protagonista é Nico, o vinculeiro da mansión Corso que lle deixa o seu aventureiro e misterioso Tío Lourenzo. Nico é un rapaz tranquilo que ten nesa casa certos vencellos sentimentais que abondaría para provocar a defensa da súa nova adquirida propiedade fronte ao antagonista, un construtor sen escrúpulos que pretende facerse con ela a toda costa. Esta defensa queda garantida pola necesidade que dela teñen os pequenos monstros para manter a mascarada da súa existencia, para preservar o seu fogar.

Con estes ingredientes Os cabezombis na mansión do espello ten moito gañado, pártese dunha idea que mestura un argumento clásico con esa idea feliz dos cabezombis, non obstante, creo que o maior problema desta ópera prima radica en que esa mestura non sempre vai da man, deixando espazos onde semella que uns ingredientes entorpecen aos outros. Fóra da súa estupenda caracterización o papel que xogan os monstros dentro da trama é completamente secundario, limitándose a actuacións caóticas que, por moi buscadas que estas sexan, non fan máis que rachar con esa barreira do crible que resulta fundamental no emprego dos recursos fantásticos. Esa esquizofrenia colectiva que acompaña aos seres extraordinarios provoca, ademais, que as accións suceden sen que medie unha sorte de causa-efecto que xustifique a cadea de acontecementos que conducen a un final que se resolve dun modo algo abrupto.

Con todo, estes personaxes tan entrañables como perturbados e inocentes a un tempo, forman unha idea verdadeiramente evocadora. Confeso que cando me acheguei por primeira vez ao libro na miña cabeza se formou unha imaxe dos mesmos un pouco diferente á que propón a súa ilustradora, a coruñesa ‘Perrilla’. E non podo sacar da cabeza visualizalos ao estilo dos ArtToys, con todas as posibilidades e o valor engadido que unha boa estratexia de mercadotecnia lle podería outorgar ao libro. Por suposto, non sendo un profesional da ilustración, e partindo da base da propia expectativa que me fixera da construción destes personaxes, as ilustracións que acompañan o libro deixáronme algo decepcionado quizais, aínda que isto se trate dunha cuestión de gusto persoal, especialmente tendo en conta outros traballos da mesma ilustradora tan admirables e dun acabado tan preciso como o que a artista coruñesa realizou para a editorial Hiperión “En un lugar de Malvadia…”.

Con todo, deséxolle un longo percorrido a estes personaxes, xa que unha vez se salven estes pequenos inconvenientes da narración coido que o seu potencial pode dar moi boas historias no futuro.



Deixa unha resposta