Crítica de Osos de Ruth Krauss e Maurice Sendak (Kalandraka)

osos portada.fh11


Texto: María Jesús Fernández


Moitos de nós recordamos con claridade as primeiras imaxes do libro Onde viven os monstros (Where the wild things are) onde podemos ver a clase de trasnadas que Max, vestido co seu traxe de lobo, fixo aquel día e que lle valeron que a súa nai o mandase para a cama sen cear.

Seguramente estas imaxes estaban tamén na cabeza de Maurice Sendak (1928 – 2012) cando no ano 2005 a escritora Ruth Krauss (1901-1993) lle propuxo ilustrar unha nova edición do seu libro Osos (Bears), que xa fora editado por primeira vez no ano 1948, naquela ocasión con imaxes de Phyllis Rowand. O xenial debuxante tivo entón a feliz idea de recuperar a figura de Max e continuar amosándonos as extraordinarias, e salvaxes, cousas que ocorren no seu cuarto.

O texto de Ruth Krauss é moi breve,tan só unas poucas frases e varias onomatopeas que non gardan relación directa coa historia visual que se desenvolve ante os nosos ollos grazas as imaxes creadas por Maurice Sendak que amplían extraordinariamente o significado deste texto. Diremos ademais que se trata de imaxes de trazo rápido, feitas a lapis, perfiladas con trazo groso e coloreadas con acuarelas.

A xeito de prólogo, na páxina interior na que figuran o título e a dedicatoria, (despois dunhas fermosas gardas que reproducen o papel pintado do cuarto de Max), atopamos dúas imaxes que enlazan directamente esta historia con Onde viven os monstros: Na da esquerda, Max vestido co seu traxe de lobo, garfo en man, semella pasalo moi ben toleando na compaña do seu canciño amarelo; na da dereita, ademais de Max e o can, aparece o osiño de peluche colgado dunha corda polo pescozo. Nas imaxes seguintes, que se sitúan tamén en páxinas preliminares, en catro ilustracións secuenciadas vemos que Max se arrepinte desta crueldade, rescata o osiño e se deita con el na cama; tamén vemos que o can, moi contrariado ao verse postergado nos afectos do rapaz, rapta o osiño e emprende con el unha tola carreira sempre perseguido polo neno que quere recuperar o seu xoguete. (Todas estas imaxes previas aparecen debuxadas directamente sobre o fondo branco)

Aquí é onde empeza propiamente o texto de Ruth Krauss, que se inicia cun reiterado “Osos, osos, osos, osos, osos” na parte superior da dobre páxina, mentres vemos aparecer unha fileira de enormes osos con aspecto de poucos amigos. Max persegue o can entre as súas patas. Nas seguintes sete páxinas vai proseguir a carreira, que se apoia nun texto rimado (rima que figura no orixinal en inglés e que conserva a tradución de Xosé Ballesteros) e que vai presentando en distintas situacións de gran riqueza visual os enormes osos entre os que foxe e se agacha o can ladrón: “Osos estirados, osos ben sentados, osos aseados, osos enfadados, osos viaxeiros, osos apurados, osos fachendosos…” É precisamente entre estes “osos fachendosos”, cos seus sombreiros, tocados e colares, cando Max consegue recuperar o seu osiño. Fin da carreira, fin do xogo. Na dobre páxina seguinte aparece de novo o reiterado “Osos, osos, osos, osos, osos”, onde estes animais semellan pouco contentos con que remate a historia, amosan unha actitude ameazante e Max ten que facerlles fronte, como xa fixera cos monstros. Tampouco o can parece moi feliz coa fin do xogo.

Chegamos así as últimas páxinas que nos levan de volta á casa, ao cuarto de Max, con aquela ventá na que lle gusta asomarse a lúa (nesta ocasión con cara de oso). E alí, cun texto que di “Osos … amorosos”, e , nun novo xiro da historia, cando o canciño triste pensa que vai volver ser rexeitado, Max, deixando o peluche no chan, o colle e o mete na cama con el. Unha vez máis, restableceuse o equilibrio.
E unha vez máis tamén, estamos ante un libro exemplar, unha fermosa mostra da frutífera colaboración de dous creadores que suman as súas respectivas artes para acadar un álbum ilustrado modélico, outro xeito de linguaxe caracterizada precisamente pola súa natureza mixta.
Ademais da autoría deste libro, Ruth Krauss e Maurice Sendak colaboraron por espazo de dúas décadas con títulos como A hole is to dig (1952) ou A very special house (1953).



Deixa unha resposta