Crítica de Rubicundo (María Canosa, Edicións Xerais)

rubicundo1


Texto: Gracia Santórum


Rubicundo

Logo dun ano especialmente prolífico desta autora ceense, María Canosa, quen pechou o 2014 con seis libros publicados, pisa con forza o 2015 coa publicación por parte da editorial Xerais de Rubicundo, libro finalista no Premio Merlín de Literatura Infantil 2014 na súa XXIX edición, e consegue o que, ata a data, é a súa mellor obra.

Desata toda a forza narradora a nosa autora, quen nos sorprende agradablemente cun personaxe enigmático que mantén a atención do lectorado, e dará asemade título ao libro. Pero ao seu carón, e non menos importante, a espelida Erea será quen nos enguedelle coa súa viveza teimuda e expresiva; Erea destaca pola súa intelixencia e a súa constancia, máis pola súa madureza e pola amizade que pretende en home tan misterioso. Rubicundo é unha incógnita que vai esvaecendo pouco a pouco para dar paso a unhas ás inexplicables que axudarán a voar a quen le; unhas ás para rubir, para subir, para aprehender o misterio da noite; pero tamén unhas ás de comprensión ante a soidade daquel que algún día amou e non soubo reter o engado do corazón. Rubicundo, taciturno, furioso, estrañamente afastado, acabará por se converter no avó desexado, naquel que co seu oficio fai posible que o Universo que coñecemos siga xirando. Como non termar da ilusión que nos agasalla? Como non dar unha aperta soñadora a aquel que sente o abandono hostil?

Unha obra áxil e expresiva onde a aperta argumentativa tendida entre escritura e lectura destaca na protagonista feminina. É a nena quen sostén ela soa a beira do narrado grazas ao diálogo que mantén con ela mesma, na sabedoría inxenua de que cómpre esculcar presente e pasado para orientar o futuro. Porque na súa teima chegará a abrir un corazón que permanecía pechado dende a fondura da tristura máis morna. Unha nena que acabará sendo un bálsamo de enxeño, ademais dun instrumento de aventura. Unha nena que medrará no axioma fachendoso do traballo veloz que a agarda. Unha nena, ademais, que ofrece o sentido do humor, o sorriso doce e encantador que a infancia posúe, ese conforto de desaloxo da negrume padecida na exclusión.

Un traballo excepcional e unha tristura moi común serán as bases que o sustentan, xogando así dúas esencias da literatura, a fantástica e a real, nun tándem que sen esforzo traza a condición humana, facéndonos partícipes sensibles da realidade. Cadaquén soñará despois cun traballo de tal condición. Pedalear non é doado, máis na procura dunha quimera. Pero é a ilusión, a esperanza, quen pode mover o mundo. De aí que demandemos paraugas resistentes que loiten contra a desilusión. Cada un de nós soñará, porque é este país de soños sustentado pola Literatura, quen permitirá alzarse entre planetas inexistentes.

A maxia do voo permanece aberta en diálogo constante nas súas páxinas, nun tesouro de valores e utopías imprescindibles. Nuria Díaz incorpora nos vimbios do texto as ilustracións que salpican bágoas de luz, ocres lambetadas que cosen aventuras dende unha ventá que albisca un horizonte de estrelas e ventos. Ambas, palabras e ilustracións, dotan da forza precisa a quen antes andaba sen, sequera, ganduxar soños.



Deixa unha resposta