Crítica de Viaxe a Dragonia (Xan López Domínguez, Editorial Rodeira)

cubierta viaxe a Dragonia gal.indd


Texto: María Jesús Fernández


Resulta evidente que Xan López Domínguez sente predilección polos personaxes dos contos marabillosos xa que dragóns, bruxas e magos son frecuentes protagonistas das súas historias. Esta opción permítelle ao autor desenvolver a súa notoria capacidade para a fantasía e, fundamentalmente, utilizar o humor na recreación dos relatos clásicos.

A estas características, clasicismo+humor paródico, responde o novo título que agora comentamos, unha moi divertida historia de dragóns, bruxas e magos.

O libro comeza de maneira rigorosamente tradicional e ortodoxa, cun prólogo que sitúa a acción “No máis escuro da selva de Dragonia”, e que nos informa da existencia dun libro moi perigoso, o Dragonis Terribilis, que desapareceu tempo atrás do laboratorio do mago encargado de custodialo e que outorga a quen o posúa e saiba utilizalo a extraordinaria capacidade de crear dragóns a partir de calquera obxecto de uso cotián.

E ata aquí todo posible parecido coas historias clásicas.

O público lector ao que X.L.D. dirixe a súa historia, nenas e nenos a partir dos oito anos, ten xa superada a etapa na que os contos que lles gustan deben ser o máis fieis posible aos modelos canónicos, e atopa un gran pracer nas situacións humorísticas derivadas da transgresión das normas e do trato irrespectuoso dos personaxes míticos. Viaxe a Dragonia proponnos, tanto a través do texto como das ilustracións, unha revisión actualizada das vellas historias, superando os ben coñecidos estereotipos do xénero (dragóns terribles, bruxas perversas, magos sabios e respectables …) e trasladando a acción á realidade actual. Outra das claves do humor está no propio discurso, na linguaxe que se emprega, moi desenfadada e enxeñosa, chea de chiscadelas cómplices cos lectores, calidades presentes en todo o texto e que de maneira especial se aprecian nos áxiles e divertidos diálogos.

Efectivamente, neste libro temos un mago bastante impresentable, deses que non nos gustaría ter como amigo porque é avarento, descoidado, pouco amable… E non devolve os libros que se lle prestan! Temos unha bruxa encantadora que se chama Herminia e que, ademais de ser unha consumada pasteleira, fai traballiños esporádicos como empregada do fogar. E temos un dragón, de sete cabezas nada menos, de nome Bambalum que, no canto de poñer medo, é un miñaxoia torpe, larpeiro, timorato e fácil de enganar.

Con estes vimbios constrúe X.L.D. a súa historia que, como o título indica, transcorre fundamentalmente nunha viaxe na que o inocente dragón busca un lugar paradisíaco no que vivir e vai topando coa crúa e nada mítica realidade e meténdose en complicadas leas.

Ademais de narrador, Xan López Domínguez é un extraordinario ilustrador, un dos mellores do momento actual, tanto dentro como fóra de Galicia. Con toda xustiza podémolo considerar un dos “pais da moderna LIXGA” xa que é autor do primeiro gran álbum ilustrado da nosa historia literaria (Voces na lagoa do espantallo, 1990). O seu estilo ten unhas características inconfundibles que tamén atopamos na presente historia: Imaxes que desbordan e escapan das páxinas, encadres arriscados, personaxes de mans miúdas e corpo voluminoso pero moi etéreos, mesmo con certa tendencia a flotar, imaxinativo e rico vestiario, primeirísimos planos de detalle, coidado tratamento da cor … , e todo punteado coas finas liñas que delimitan contornos, marcan volumes, crean tramas … tan características que son coma un selo identificativo do autor (como tamén o é a presenza de paxariños) Neste libro moitas das ilustracións aparecen como impregnadas dun certo ton de mel escuro que as cobre e matiza creando misteriosas zonas de escuridade que contrastan con outras de resplandores dourados. Tamén podemos gozar aquí dun auténtico catálogo de dragóns de todas formas e feituras segundo fose o obxecto que se utilizou para crealos: dragóns cafeteira, dragóns lata de sardiñas, dragóns libro, dragóns guitarra, dragóns antuca …

Un libro moi recomendable dun dos grandes creadores da moderna LIXGA.



Deixa unha resposta