Crítica d’Os peloteiros, de Patricia Mallo

Os libros que permanecen


Texto: Daniel Landesa


os-peloteiros

Autora: Patricia Mallo
Ilustracións: Dani Padrón
Título: Os Peloteiros
Editorial Galaxia, 2019

Dos libros que se len na infancia, hainos que permanecen para sempre na memoria e que se lembran cunha mestura de fascinación e nostalxia, no meu caso, a miña particular madalena (*a forma en que antes chamabamos aos muffins) de Proust literaria é Un solo de clarinete de Fernando Almena (Barco de Vapor, 1984).

Penso que dun modo similar vai funcionar  Os peloteiros, de Patricia Mallo, para aquelas rapazas e rapaces que se poidan achegar a este texto marabilloso, unha lectura moi acaída para o verán, na que o deporte se emprega como telón de fondo nunha novela iniciática onde descubrir a amizade, a deportividade ou o compañeirismo. O argumento é simple, por unha serie de acontecementos inesperados Xurxo Belido vese na obriga de fundar o Peloteiros Fútbol Club para competir no campionato comarcal de Castrovello en tempo récord, toda unha lección sobre os verdadeiros valores do deporte.

Malia todo, o fútbol non é se non unha excusa para debuxar o que creo que é o verdadeiro leit-motiv do relato, o universo do rural que se debuxa na novela, lonxe do costumismo e da idealización, para o que se reclama o dereito a existir. Castrovello, a pequena vila que dá vida á hisoria e unha localidade como moitas que existen na nosa xeografía, unha vila pequena onde o moderno convive cun tipo de vida condenado a irse extinguindo. E ese é un dos grandes valores n’Os peloteiros, a resistencia dun mundo que non quere ser esquecido e onde as cousas pasan doutro modo. En varias ocasións Xurxo, o protagonista, manifesta a súa identidade fronte ao urbano, especialmente na contraposición coa súa irmá (moito maior ca el) quen marchou vivir á cidade, ela, personaxe que representa o autoodio, limita a experiemcia dos fillos, os xemelgos algo máis pequenos ca o Xurxo e detonantes da historia: non confía no irmán pequeno para coidar dos fillos sobreprotexidos por medo a que os “embruteza”. Todo o relato é un xeito de manual de resistencia contra ese pensamento.

Teñen valor tamén as personaxes femininas, lonxe de arquetipos, non son simples personaxes secundarias, se non que dirixen a acción, toman decisións importantes para a trama e, sobre todo, sitúanse nunha posición de igualdade.

Toda esta receita de elementos fai d’Os peloteiros un libro entretido, dos que non se esquecen e que recomendo para que poida converterse no “muffin” de Proust de moitas lectoras e lectores!



Deixa unha resposta