Día do libro infantil e xuvenil

fotos obra1


#LENDO


Desde Criaturas non queríamos que pasase desapercibida unha data tan importante como é o Día Internacional do Libro Infantil e Xuvenil. Por iso, aínda colléndonos no medio das vacacións, decidimos botar a andar esta campaña onde quixemos implicar non só a persoas do mundo da escrita e da ilustración, senón extendelo a outras actividades. A mensaxe que cada ano se encarga de promover o IBBY, nesta ocasión foi escrita pola autora árabe Marwa Al Aqroubi (como xa vos contamos hai uns díase defende unha idea central: “Moitas culturas, unha historia”:

“Falamos diferentes linguas e vimos de diferentes orixes, mais compartimos as mesmas historias”
Historias internacionais… historias tradicionais
É a mesma historia que se nos conta a todos
En diferentes voces
En diferentes cores
Pero permanece inmutábel…
Comezo…
Argumento…
E fin…
É a mesma historia que todos sabemos e amamos
Todos a escoitamos
En diferentes versións de diferentes voces
Mais sempre é a mesma
Hai un heroe… unha princesa… e un vilán
Non importa a súa lingua, nin os seus nomes,
Nin as súas caras
É sempre o mesmo comezo,
Argumento
E fin
Sempre ese heroe… esa princesa e ese vilán
Inmutábeis durante séculos
Acompáñannos
Murmúrannos nos nosos soños
Arrólannos para durmir
As súas voces marcharon hai tempo
Pero viven nos nosos corazóns para sempre
Pois únennos nun mundo de misterio e imaxinación
Para que todas as culturas se fundan nunha única historia.”

Partindo da idea de que vimos de diferentes disciplinas pero compartimos as mesmas historias, cos libros como protagonistas, actrices, actores, artistas, escritores, deportistas e cantantes galegas brindáronse a apoiar esta iniciativa mostrándonos as súas lecturas. Desde o equipo de Criaturas queremos agradecer a colaboración de Dani Padrón, David Pintor, Paula Carballeira, Francisco Castro, Fran Bueno, Lucía Regueiro, García MC, Miguel Canalejo e a de todo o equipo do Obradoiro, por sumarse a esta campaña polo Día Internacional do Libro Infantil e Xuvenil, apoiando a LIX galega. Porque aquilo que latexa no corazón dos libros é universal.



Deixa unha resposta