Día internacional do libro infantil 2015. Moitas culturas, unha historia.

cartel

O vindeiro 2 de abril, aniversario da date de nacemento de Hans Christian Andersen, o IBBY (International Board on Books for Young people) celebra o Día Internacional do Libro Infantil como modo de promoción da lectura entre o público máis novo.

Este ano 2015 o país que exerce como convidado para transmitir unha mensaxe de apoio á lectura son os Emiratos Árabes Unidos. O deseño do cartel foi realizado pola ilustradora Nasim Abaeian. O texto que o acompaña foi redactado pola escritora Marwa Obaid Rashid Al Aqroubi. Polo de agora o cartaz está só dispoñible en inglés aínda que se pode consultar a tradución da súa mensaxe ao galego realizada por Antía Marante e Sabela González:

Moitas culturas, unha historia

“Falamos diferentes linguas e vimos de diferentes orixes, mais compartimos as mesmas historias”
Historias internacionais… historias tradicionais
É a mesma historia que se nos conta a todos
En diferentes voces
En diferentes cores
Pero permanece inmutábel…
Comezo…
Argumento…
E fin…
É a mesma historia que todos sabemos e amamos
Todos a escoitamos
En diferentes versións de diferentes voces
Mais sempre é a mesma
Hai un heroe… unha princesa… e un vilán
Non importa a súa lingua, nin os seus nomes,
Nin as súas caras
É sempre o mesmo comezo,
Argumento
E fin
Sempre ese heroe… esa princesa e ese vilán
Inmutábeis durante séculos
Acompáñannos
Murmúrannos nos nosos soños
Arrólannos para durmir
As súas voces marcharon hai tempo
Pero viven nos nosos corazóns para sempre
Pois únennos nun mundo de misterio e imaxinación
Para que todas as culturas se fundan nunha única historia.”

abaeianNasim Abaeian, nacida no 1980 en Isfahan Iran cursou os seus estudos primarios en Xénova (Italia) e completou os seus estudos cun mestrado en ilustración no Instituto de arte e deseño de Savannah (Estados Unidos).Actualmente, Nassim Abaeian traballa no departamento de deseño da Universidade de Zayed e exerce como ilustradora freelance de libros infantís.

 

alaqroubiMarwa Obaid Rashid Al Aqroubi é unha das principais figuras da industria do libro nos Emiratos Árabes Unidos e é, ademais, a presidenta do IBBY no seu país (UAEBBY). Contribuiu significativame a promover o Premio Etisalat para a Literatura infantil Árabe,un dos máis importantes dentro da cultura Árabe. Al Aqroubi ten un grao en Información en ciencia da Universidade de Zayed de Dubai. Desde que publicou o seu primeiro libro Ahmed El Helou (Sweet Ahmed), no que explora unha viaxe arredor das tradicións árabes,  o mundo da literatura infantil converteuse no seu primeiro interese.



Unha resposta a “Día internacional do libro infantil 2015. Moitas culturas, unha historia.”

  1. Xavier di:

    Boa tarde, e parabéns pola revista! Gustaríame saber se hai algo editado en galego ou noutra lingua peninsular desta autora ou desta ilustradora? Vós sabedes?
    Graciñas!

Deixa unha resposta