Editorial

REVISTA CRIATURAS

Editorial

Asistimos ao nacemento dunha nova criatura. Hai un ovo azul e grande nun niño que está abeirado nunha póla, entre a follaxe dunha árbore centenaria. De súpeto, a casca do ovo rompe de xeito irregular. Do seu interior agroma unha caloriña intensa que leva meses condensada nese habitáculo. E a vida estoupa nuns ollos que se abren timidamente e pestanexan ao compás dun sopro de brisa.

Como sucede sempre que ven ao mundo unha criatura, é fraxil e dependente. Precisa de todo o noso coidado e afecto para axudarlle a emprender o voo. Porque hoxe é un corpo miúdo, mais nace co propósito de ser autónoma. E no futuro estará dotada dunhas fermosas ás de plumas longas e irisadas que lle han permitir sosterse no aire. Mais para iso debe madurecer e ir medrando devagar. As cousas pechadas son inflexíbeis, vanse endurecendo e non logran desenvolverse. Por iso esta criatura nace aberta, coma ese ovo que agora está dividido en dúas partes.

O que acaba de nacer do interior do ovo azul é o número cero da revista Criaturas, unha declaración de intencións, pero tamén unha declaración de dúbidas e desexos. Este editorial quere ser unha chamada e expresar asemade a súa actitude de porta franca para todos os que nos queirades acompañar. Cantas máis plumas teña esta criatura, canto máis tupidas as súas extremidades, máis cores a vestirán e máis longo o percorrido que estará preparada para acometer.

Queremos que esta criatura inicie un vieiro que terme dos pasos das persoas que a escriben, a ilustran, as que a difunden, as que a estudan e, de xeito especial, as que a len e só esperan atopar en cada páxina unha emoción inesquecíbel. O único contrato pechado é o compromiso coa LIX en xeral e a galega en particular.

Detrás de Criaturas estamos persoas de todos os ámbitos da creación e da mediación: escrita, ilustración, deseño, crítica, bibliotecas… e máis queremos que estean. Ademais de crear unha nova plataforma de difusión, análise e estudo da LIX, temos un certo degoxo de renovación, de dar voz a novas xeracións de todos estes eidos e outros que se vaian incorporando. Hai que lle procurar a isto que andamos a debullar no poliedro da lectura e dos libros de LIX, caras novas, ángulos distintos, vértices de confluenza e arestas de encontro. Porque a pesar de que vivamos neste anaco de mundo que corresponde ao punto cardinal exacto onde o vento nunca deixa de soprar, de seguro que aínda quedan cousas por inventar.
A criatura xa naceu. Pronto abrirá a súa boca para se alimentar. E entón precisará de todas e todos nós. Contamos co entusiasmo das cousas que empezan e coa ilusión dunha viaxe da que descoñecemos o paradoiro. Pero ningunha aventura de verdade ten os mapas de todos os mundos.

Descárgao en PDF



Unha resposta a “Editorial”

Deixa unha resposta