El pozo de los tres deseos – Onde viven os contos

 el_pozo_de_los_sueño1s

Onde viven os contos

O mundo do libro non só son os libros. En Criaturas queremos saber como son as súas casas, as paredes que os acollen mentres non chegan as mans dos seus lectores.
El pozo de los tres deseos (Cangas do Morrazo) é unha desas singulares pequenas librarías especializadas que lle dan unha vida chea de vida a cada un dos seus habitantes.


 


Esta aventura comezou no ano 2008, cando dúas amigas xuntaron as súas emocións para crear un lugar único en Galicia. Giovanna Chapela e Carmen Montes son de Cangas, e por aquel entón, Carmen traballaba no mundo da publicidade en Vigo, e Giovanna, logo dunha tempada traballando en Londres, coidaba do seu pequeno, de volta en Galicia.

O fastío do mundo empresarial, das présas e da cidade, por unha banda, e a necesidade desesperada de atopar cousas para educar o seu fillo pola outra, fixeron que Carmen e Giovanna decidiran deixalo todo para comezar a darlle voltas a un novo proxecto. Aínda non sabían cal, pero sabían que tiña que ter libros, arte, e que tiña que ser algo diferente.

Como eran dúas persoas alleas ao mundo da LIX, pensaron que o máis importante era informarse. Pasaron case un ano na casa buscando información sobre o sector, contactando editoras, visitando librarías… E todo este esforzo fixo que chegaran a saber o que querían: Unha libraría especializada baseada nos libros, nos obradoiros e nos xogos.

Despois chegou a aventura da busca dun fogar para o proxecto. Percorreron Cangas de arriba abaixo para buscar o lugar. A única condición: os nenos tiñan que ter espazo para ir andando ata a libraria e espazo para xogar diante sen coches que os molestasen (Tonucci asentiría compracido). Logo de moito buscar, chegaron á rúa do Sol, onde un local sombrizo e chamicento que non facía honra ao nome da rúa acabou por namoralas. O interior era vello, escuro e húmido, e tiña un almacén na parte traseira cheo de refugallos. Porén, estas mozas deixaron voar a imaxinación e alí sentiron que alí habían quedar.

TALLER JUEGOS DE MESA EN FAMILIA 10.05.13 043Meses despois, as paredes negras deixaron ver o fermoso granito, o chan transformouse nunha tarima de madeira noviña de todo, as paredes cubríronse de andeis, e os andeis enchéronse de libros. Por fin o sol entrara naquela casiña de pedra.

Pero iso non foi todo. Mentres limpaban o almacén, que había de converterse no salón para facer obradoiros e contacontos, atoparon… Un pozo! Un pozo de verdade, dos de antes, no que guindabas unha pedriña e ao cabo duns segundos oes… glub!

Aló foi o nome que tiñan pensado para a libraría, porque este pozo había converterse na seña de identidade do local. Un pozo onde por suposto, habita un duende, que concede desexos aos pícaros e pícaras que guindan nel fabas e pedriñas.

Daquela naceu El pozo de los tres deseos. Carmen e Giovanna xa tiñan unha idea, un local, e un pozo!

A librería abriu as súas portas en outubro de 2008, ofrecéndolle á zona vella de Cangas un lugar único non só no seu deseño, senón pola proposta cultural que El pozo implicaba.

A selección do libro.
Lembro perfectamente a primeira vez que entrei no Pozo de los tres deseos. Debeu ser ao pouco de abriren, e non podía dar crédito que alí… en Cangas! puidese ver o que estaba vendo. Supoño que ao vir da cidade (é dicir, do outro lado da ría), dábame moitos aires, e non concibía que naquel recunchiño branco e verde duns dez metros cadrados vivisen os Media Vaca, os Jimmy Liao, os Suzy Lee, os Barbara Fiore, os Zorro Rojo, todos, todiños eles alí nos andeis agardando polos seus lectores.

A selección de libros daquela librería impactoume. A aposta tan forte polo álbum ilustrado para nenos e para adultos fixo que Carmen e Giovanna ganaran o meu respecto en medio segundo.

Ademais, creo que foi das primeiras librerías que visitei en Galiza que por aquel entón non mandaban o libro galego ao andel-ghetto do “Gallego”. Nos andeis de El Pozo mesturábanse os libros de Kalandraka cos de Kókinos, os de OQO cos de Ekaré, e todos así, ben mesturadiños e revoltos.

Os criterios de clasificación eran outros: por idades, por temas, por tamaños… como tiña que ser, vaia.

Cando lle preguntei a Giovanna polos criterios de selección dos libros para a librería, a resposta foi breve: “A nós o que nos interesa e nos moveu desde o comezo é a arte. Queremos mostrar os camiños da arte, e a arte como forma de entender o mundo desde as primeiras lecturas. E así, con ese criterio, seleccionamos os nosos libros. Mesmo tiñamos un eslógan, para facelo máis fácil: “Mundo Disney e Mundo Tele, Non!” Hai tanto que ver, que hai cousas que sobran, polo menos aquí”.

EL POZO CON REGALOS (1)O xoguete.
Outra cousa sorprendente aló polo 2008 é que esta era unha das poucas librarias que dedicaban tanto esforzo á selección do libro como á selección do xoguete. Hoxe é máis fácil atoparmos librarías-xogueterías, pero daquela, El pozo de los tres deseos foi pioneira tamén nisto. Por suposto, tampouco lles valía calquera xoguete. Carmen e Giovanna fixeron un enorme esforzo por buscar xoguetes por toda Europa que contasen coas mellores valoracións pedagóxicas, e só ofrecen obxectos que teñan un desenvolvemento pedagóxico de fondo. De feito, quen visite El Pozo darase conta de que os xoguetes que alí venden non son xoguetes normais, primeiro, porque non se atopan en ningún outro sitio. E segundo, porque sempre hai algún cativo espatarrado polo chan, xogando cos xoguetes que teñen de mostra.

Os obradoiros.
Desde os seus comezos, El pozo de los tres deseos desenvolveu unha forte liña de obradoiros de arte. Estes tiñan lugar na parte de atrás da libraría, un espazo enorme cuxas paredes teñen árbores, cunha porta que dá a unha pequena leira e por se fora pouco, cun pozo no medio do cuarto.

Os obradoiros tiveron tanto éxito que mesmo acabaron por facer no ano seguinte unha exposición na sala de exposicións do concello, pois Giovanna e Carmen converteran a metade dos pícaros de Cangas en artistas en potencia, e iso había que mostralo!
Na parte de atrás da librería non só hai obradoiros de arte. Hai contacontos, presentacións de libros, reunións de editores independentes de todas partes, debates…

É un lugar escondido e máxico, onde calquera cousa pode pasar.

A experiencia vital de seren libreiras.
No ano 2014, a librería pasou por un cambio estrutural e agora é Giovanna quen leva as rédeas deste recuncho máxico. Segundo ela, ser libreira só ten unha desvantaxe, común a todo canto autónomo/a hai neste país: A tiranía da burocracia e as ataduras dos horarios. Polo demáis, é o mellor traballo do mundo. Ver pasar os cativos polo escaparate e os sorrisos desde a rúa, como turran dos seus pais para entraren na libraría mentres eles van apurados porque lles pecha o súper. Ver medrar os nenos e nenas da vila, non só fisicamente, senón ver como o pouso das lecturas que alí axudan a formalos como persoas. As amizades cos pais, sentir afinidades entre a xente, coñecer milleiros de persoas cada día. Aprender a lidiar cos clientes repunantes e cos encantadores. Todo, todo son vantaxes.

E para rematar… un libro.

Para rematar, a pregunta do millón. Pregunteille a Giovanna cal era o seu libro favorito. Non o pensou nin medio minuto: “Érase 21 veces caperucita roja”, de Media Vaca, e calquera de Olivia. Olivia, por suposto.

E co sorriso que nos deixou o recordo desta porquiña tan linda, rematamos a entrevista e fomos por un café.



Deixa unha resposta