Entrevista a Andrea Maceiras

cabeceira

Unha entrevista a Andrea Maceiras


Por: Antonio Manuel Fraga | Fotos: Érica Esmorís


Non ten mal nome o Café de Macondo para entrevistar unha escritora, aínda que fose casualidade o caermos aló un sábado de maio, pola mañá. O local onde quedaramos estaba aínda pechado, polo que o Macondo se converteu nunha boa alternativa para o noso propósito. Aló almorzamos con calma, aloumiñados polo son de cubertos, cuncas e conversas alleas. Despois de matar o xaxún, tratamos de afundar nun dos proxectos literarios máis sólidos e contrastados da LIX galega.

Malia a súa xuventude, Andrea Maceiras (A Coruña, 1987) conta xa con sete libros publicados, moitos deles gañadores de importantes certames literarios. Quixemos debullar xunta ela a súa experiencia como escritora, así como coñecer a súa visión sobre o panorama actual da LIX. Estes desexos callaron nesta máis que interesante conversa.

texto

Nos teus libros adoitas tratar temas moi actuais, como o racismo (Violeta Tamurana), a soidade (Nubes de evolución), a intolerancia (O segredo do lagarto arnal), etc. Consideras importante tratar de incorporar á LIX estes temas que, en moitos casos, engaden á historia un compoñente de reflexión?

Considero importante tratar temas que reflictan os intereses da rapazada. Trato, dalgún xeito, de achegarme ás súas preocupacións ou ao proceso de procura da identidade, un dos elementos fundamentais da adolescencia.

En todos estes libros, aparecen persoas que non acaban de encaixar na sociedade, por un motivo ou por outro. Sentes predilección por este tipo de
personaxes?

A min gústanme os personaxes que, efectivamente, non acaban de encaixar. Gústanme tanto nas obras que leo como nas obras que escribo. Normalmente quedo con aqueles que por algunha razón ou por outra están un pouco sós ou marxinados. Tamén considero que o prototipo de heroe da literatura universal ten moito que ver con iso: é un heroe solitario que moitas veces se sinte desamparado na sociedade na que vive, que non se sinte comprendido. É un arquetipo que está construído así e que realmente funciona desde as orixes da literatura.

Cales cres ti que son as fronteiras da LIX? (Se as ten, claro!)

A historia da literatura infantil e xuvenil é bastante recente dentro da literatura universal. Durante algún tempo penso que si houbo moitas fronteiras na LIX, e de feito negouse incluso a existencia da literatura xuvenil, houbo moita problemática para que se asumise que era algo que existía e que funcionaba. Tamén penso que actualmente o seguinte paso que vai dar a LIX, especialmente a xuvenil, é desfacerse desa idea de límite e pasar cada vez a englobar un público moito máis amplo. De feito, existen obras como Harry Potter que ao principio o público adulto non se atrevía a ler porque tiña unha cuberta que era excesivamente infantil, ata o punto de que houbo que sacar outra edición cunha cuberta máis para adultos.

Hoxe en día, a xente adulta vai ao cinema ou compra libros que están destinados en primeira instancia a un público xuvenil, porque realmente transcende moitísimo esa periodización na idade. Entón, eu penso que o seguinte chanzo vai ser que iso evolucione de tal forma que se amplíe moito máis, se abra, e dea paso a algo diferente. No futuro non vai existir un límite tan claro.

Consideras, daquela, que as fronteiras están a rachar e que o que vai haber é un tipo de literatura que tamén pode ler a xente nova, mais non feita en exclusiva para ela?

Coido que se vai perder ese concepto que relaciona literatura xuvenil exclusivamente con público adolescente. Esa vinculación inmediata vaise perder dentro de pouco, porque cada vez máis os libros que están saíndo en literatura xuvenil xa están buscando enganchar a un público que transcende moito esa etapa da adolescencia. Igual non adultos moi vellos, mais hoxe en día a xente de arredor dos trinta busca xa lecturas nese mercado de literatura xuvenil.

Comezaches a escribir moi nova. Cal foi a túa motivación para dares o salto desde o rol de lectora ao de escritora?

Eu comecei a escribir contos para a miña irmá, que é catro anos máis nova ca min. Agasallábaa cun conto sempre polo seu aniversario, polo Nadal ou en datas así sinaladas. Así foi como comecei a escribir, realmente. Isto foi na primaria. Eramos moi pequenas, case como xogar. Despois, cando cheguei ao instituto, comecei a me presentar a certames literarios. Iso foi un pulo moi importante, porque me animou moito a seguir escribindo. Xa non era algo limitado ao meu contexto familiar, senón que estaba presentándome diante de xente que tiña un criterio específico, un criterio formado. Isto animoume moito. Eu presenteime moitos anos ao certame literario de Cambre, o meu concello, que gañei en varias ocasións, e que me animou realmente a seguir escribindo.

Por que decidiches orientar a túa escrita cara á LIX?

Pois supoño que foi por como comecei. Eu estaba a escribir realmente para unha persoa que era máis nova ca min, polo que procuraba adaptarme sempre aos seus intereses e ás cousas que nese momento a ela lle gustaban ou lle interesaban. Coido que foi por iso.

E continúas a sentirte cómoda, supoño…

Si. Eu estou encantada. Para min o público infantil e xuvenil é fantástico. É un público moi receptivo, moi crítico, moi sincero e moi fresco. A min gústame moito o contacto, as visitas aos institutos e todo iso. Pásoo realmente moi ben.

Ser autora de LIX dáche a posibilidade de partillar traballo con ilustradoras e ilustradores. Como foi a túa experiencia nese sentido? Deixas liberdade total ou tentas influír nas ilustracións das túas obras?

Eu síntome moi afortunada cos ilustradores cos que me tocou traballar, porque son xente fantástica. Tiven moitísima sorte con Toni Seijas. Víctor Rivas fixo tamén unha tarefa marabillosa en Volverás golfiño. Eu déixolles plena liberdade e, ata o de agora, saíume moi ben. Existe unha enorme calidade no mundo da ilustración galega. Moitísima! Hai moita xente que está facendo cousas moi boas.

Adoitas empregar elementos autobiográficos nas túas obras?

Eu non era moi consciente de que empregaba elementos autobiográficos ata que escribín Europa Express e todos os meus amigos se recoñeceron nos personaxes. Logo supoño que si, que ti sempre tes unha base autobiográfica que vas completando con ficción para ir encaixando as pezas desa maneira. Pero non o fago desde unha perspectiva consciente.

Cales son os teus referentes como autora, e en que puideron axudarche no teu labor de escrita?

Esta é unha das preguntas que sempre me resultan máis difíciles de contestar. Eu penso que para min o verdadeiramente importante foi educarme e crecer nun contexto no que xa existía literatura infantil e xuvenil, porque así puiden asumila como algo absolutamente natural. A min, ademais, encantábame. Tanto a galega como a doutras nacionalidades. Penso que foi das cousas que máis me influenciou á hora de seguir a escribir LIX. Eu ía á biblioteca do meu Concello e todo o que había de literatura infantil e xuvenil líao case na mesma orde coa que estaba no andel. Evidentemente, houbo aquí xente fantástica, entre eles Agustín Fernández Paz, que era dos autores que a min máis me gustaban de nena. Pero é moi difícil quedar cun nome nada máis.

Onde te encontras máis cómoda, como autora de literatura infantil ou xuvenil?

Xuvenil. Penso que o século XXI é o gran século da literatura xuvenil. É certo que a literatura infantil tamén está moi presente, pero na literatura xuvenil foi na que máis se avanzou, ata o punto de que se desvinculou da literatura infantil, coa que estaba unida. Entón, supoño que como é un fenómeno aínda máis novo, dalgún xeito me atrae máis. Igual que outros séculos tiveron outros movementos literarios, para min o gran movemento do século XXI, a gran renovación literaria, é a literatura xuvenil.

Non sempre é fácil conectar coa rapazada desa idade, tanto en temas, como en linguaxe, preocupacións, etc. Como afrontas ese reto?

A min váleme moitísimo o contacto co público adolescente, tanto nas visitas a institutos e colexios, como no meu labor como profesora. Estou todo o tempo rodeada de xente de entre doce e dezasete anos, polo que vivo os seus conflitos, as súas preocupacións, as súas problemáticas. Isto axúdame moitísimo para ver como funciona esa época de primeira man, o que é fantástico para a creación. Despois, tamén me axudo moito da lembranza. Para min, a adolescencia é unha das etapas que máis marcan no desenvolvemento como persoa.

As lecturas desa época, lémbralas para sempre. Todo o que che aconteceu nesa época ten outra intensidade, mesmo na memoria.

Como organizas a escrita? Es de prever até o último detalle ou déixaste levar?

Eu necesito un mapa para escribir. Penso moi ben a idea e despois fago o meu mapa e o meu borrador, ben estruturados. Xa logo, cando me poño a escribir, salto todo o que fixera anteriormente. Sempre cambio cuestións cando estou a escribir: personaxes que non van como teñen que ir ou situacións que se desenvolven dunha maneira diferente. Pero si que é certo que eu sen mapa non funciono. Teño que ter un itinerario trazado e un final pensado. O mapa e mais o borrador escríboos a man, en cadernos, e despois a historia escríboa xa no ordenador. Pero se non teño ese primeiro momento de escribir a man, non conecto da mesma forma coa idea.

Só por citar algún dos premios que acadaches: I Certame de Micronovela Concello de Soutomaior, Premio Meiga Moira da Editorial Baía (en dúas ocasións), ou Jules Verne de Literatura Xuvenil de Edicións Xerais. Que supuxeron para a túa carreira todos estes premios?

Pois supoño que o recoñecemento ao traballo, sobre todo. Porque é unha tarefa que implica moito tempo e soidade, polo que os premios son un ánimo moi importante para seguir dedicándote a isto. Cando un xurado composto por xente do mundo da literatura che dá a súa valoración positiva é como unha reafirmación. Ademais, os premios dan moita visibilidade á obra premiada, que é unha das cousas que quizais máis nos fagan falta na literatura galega. Unha forma de acadar esa visibilidade é a través dos premios.

Europa Express é o teu último libro publicado, co cal gañaches –ademais –o Premio de Jules Verne de Literatura Xuvenil. Na novela está moi presente o paso da xuventude á madurez, aderezado con certo aire de nostalxia. Destaca a fondura psicolóxica dos personaxes. Pode ser este un primeiro chanzo de cara a escribir, no futuro, novela destinada ao público adulto?

A min non me parece que porque unha novela sexa xuvenil, non poida ter fondura nos personaxes e na trama. De feito, creo que é un dos chanzos que agora se está a subir na literatura xuvenil. Están comezando a saír moitas obras que realmente contan historias con temáticas que antes non eran propias desta literatura, abordando conceptos como a enfermidade, a perda ou a morte; e con personaxes que ao principio tampouco lle eran propios, porque se entendía que tiñan que ser máis simples, seguindo uns arquetipos máis estandarizados. Entón, eu non penso que unha cousa estea rifada coa outra, nin que sexan incompatibles. Non sei o que farei no futuro. Supoño que si, que nalgún momento me apetecerá escribir novela para un público adulto, pero polo de agora sei que estou moi cómoda e que o contacto co público adolescente é algo que me dá moitísima enerxía. Non sei se no futuro cambiarei, supoño que algún día chegará, pero non o vexo inminente.

E xa para rematar: en que andas agora?

Pois agora estou a facer unha novela, pero non me gusta revelar detalles das cousas nas que traballo. Non por mantelo en segredo nin nada diso. Cústame moitísimo contar as miñas ideas, porque unha cousa é como eu as vexo na miña cabeza e outra como saen cando xa están escritas. Entón, para non xerar expectativas, prefiro non falar diso. Pero si que podo adiantar que é unha novela xuvenil.

 

 



Deixa unha resposta