Entrevista a Ana M. Guerra, responsable de Oqueleo

 

OQUELEO

Entrevistamos a Ana M. Guerra, responsable de Oqueleo


Por: Daniel Landesa


A saída de Oqueleo, un novo proxecto editorial con vocación de entregarse as lectoras e aos lectores, unha comunidade arredor da LIX. A moitas e moitos de nós colleunos por sorpresa, xa que a posta en escena de O que leo foi algo máis aló do concepto de editorial tradicional. Para coñecer máis sobre este ambicioso puxémonos en contacto con Ana Guerra, quen amablemente satisfaceu o noso espírito curioso.

Foi unha das novidades máis esperanzadoras deste último ano. O nacemento do selo Oqueleo supón unha aposta decidida pola Literatura Infantil e Xuvenil de calidade e made in Galicia. Falamos con Ana Guerra sobre o proxecto.

VmX0C6-N

Aínda que na propia web do proxecto se nos dan unhas pistas sobre vós, o concepto de editora de Oqueleo ten unha proposta novidosa, polo menos no que respecta á súa comunicación. Que é Oqueleo? Unha comunidade de lectores? Unha editora nova? Unha editora de sempre? Un pouco de todo?

Un proxecto, cunha base sólida, pero como todo proxecto, en construción. Herdamos unha experiencia editorial e literaria moi importante (Alfaguara) e medraremos, contando cos lectores e con todos os axentes implicados (mediadores de lectura: familias, institucións, profesorado, especialistas, libreiros e libreiras…)

A posta en escena de Oqueleo foi por todo o alto, co lanzamento de 9 títulos das principais voces do panorama da Literatura Infantil e Xuvenil actual. Que supón para un proxecto que inicia estrearse cun catálogo de semellante nivel?

Unha responsabilidade enorme e un gran desafío. O noso sinal de identidade son a calidade literaria e o compromiso. Por iso, precisamos os mellores representantes…

Ademais disto, Oqueleo preséntase como a salvagarda dun catálogo de obras moi importante Alfaguara/Obradoiro. Como ben dis, vaia responsabilidade…

Así é, e iso ás veces produce vertixe, pero tamén, como dicía antes, é un reto importantísimo que estamos convencidos de conseguir. Esforzo, profesionalidade, traballo en equipo e ilusión non nos faltan.

Gustaríanos centrarnos nese obxectivo de ‘novo proxecto’. O voso catálogo aposta por nomes moi consolidados no panorama da Lix en Galicia, con nomes clásicos das nosas letras como Gloria Sánchez, Jaureguízar, Xoán Babarro ou Xabier P DoCampo, Núñez Singala, xunto a voces que levan algúns anos publicando como Paula Carballeira, María Canosa, Xavier Estévez ou, máis recentemente, Héctor Cajaraville. Tendes pensado apostar por novas autoras ou autores? 

Agora acabámonos de estrear e polo tanto estamos agardando a aprobación dos lectores e mediadores, pero decididamente si apostaremos, sempre que cumpran cos nosos sinais de identidade: calidade literaria, compromiso… E unha concepción da LIX con maiúsculas.

E formatos?  A aposta inicial encamíñase ao libro tradicional. Tendes pensado enfocar tamén a publicación cara a contidos dixitais?

Máis adiante. Como che dicía, agora acabamos de saír e temos que consolidarnos. Progresivamente, ampliaremos horizontes cara a outros formatos.

Falando de contidos dixitais. O futuro da edición vai ser máis dixital que analóxico? Ou credes que os primeiros vaticinios, había quen proclamaba a morte do papel, eran esaxerados?

É unha realidade que o dixital irrompeu en todos os ámbitos, tamén no literario. Pero o papel non morreu e sempre conserva o seu espazo, quizais por romanticismo ou quizais tamén para compensar o exceso de formatos dixitais aos que se enfrontan os nenos e mozos hoxe en día.

Falemos un pouco do idioma. Iniciar un proxecto coma este é arriscado. A perda de falantes entre a rapazada, as políticas lingüísticas que relegan o idioma a un segundo plano no currículo escolar, os mesmos índices de lectura…

Pois si, as estatísticas non son moi esperanzadoras: o retroceso do galego no ensino preocúpanos moito; a perda de falantes, aínda moito máis. Por iso non é o momento de baixar os brazos, temos que achegar o noso gran de area. O noso compromiso é editar literatura de calidade para que os nenos e nenas de Galicia gocen lendo, lendo en galego, que se recoñezan na lingua e que a aprendan, que a fagan súa, que a falen.

Desde que comezamos con Criaturas detectamos un discurso bastante común que comparten tanto autoras, como editoras e persoal docente. A saúde da LIX é excelente, polo menos en canto á súa calidade e tamén no número de vendas fronte a denominada “literatura de adultos”. Esta defensa acérrima do xénero é case obrigada polos prexuízos de moitos críticos e autores, que ven na literatura infantil e xuvenil un xénero menor (se é que podemos falar de xénero como tal). Dende a vosa perspectiva, nun plano xeral, como considerades a saúde da LIX feita en Galicia?

Concordamos co discurso común: en Galicia temos unha LIX de moita calidade, temos un gran potencial creador, como mostran os 5 premios nacionais dos nosos creadores. A literatura infantil e xuvenil, como lle oín dicir a X. A. Perozo, é hoxe por hoxe un dos mellores escaparates da nosa cultura polo mundo.



Deixa unha resposta