Minientrevista a Óscar Villán

Unha entrevista a Óscar Villán.


Texto: Nuria Díaz


 

Óscar Villán

Óscar Villán (Ourense 1972) é un dos ilustradores cunha carreira máis sólida no panorama editorial de Galicia. Foi galardoado co Premio Nacional de Ilustración no ano 1999 polo seu traballo para público infantil, O coelliño branco (Kalandraka), recibiu o 1º Premio Nacional de Ilustración no ano 1999, con tan só vinte e sete anos. Estes días remata o salón do libro infantil de Pontevedra e unha das súas últimas creacións, as ilustracións para As peripecias de Extravaganzza Pérez, a obra que Ledicia Costas escribiu en exclusiva para o Salón, foron as auténticas protagonistas. Quixemos preguntarlle sobre como foi o proceso para un traballo tan especial.

Extravaganzza é unha rapaza un tanto peculiar. Semella que se mimetiza coas demais personaxes da composición en canto a deseño e cores. Como concibes a personaxe de Extravaganzza? En que te inspiraches?

Basicamente no texto, que é visual dabondo. E en todas as referencias que teño na cabeza e na estantería do estudo; un batiburrillo libros, catálogos, imaxes que me interesan de Andy Rementer, Joohee Yoon, Henning Wagenbreth, Taro Gomi, Miguel Calatayud, Manolo Figueiras, Miguel Robledo, etc, etc, etc. En fin, un río de xente da que bebo. E supoño que nese proceso de alambicado do texto para sacarlle imaxes participan tamén propósitos como: tratar de non ser demasiado perogrullesco, procurar explorar algunha zona nova ou pouco coñecida do territorio gráfico…

Fálanos un pouquiño do proceso de ilustracion deste libro. Traballaches con moitos bocexos previos ou xa tiñas unha idea máis clara das ilustracións?
En casos como o de Extravaganzza, con moitas palabras e poucas imaxes, ideo fundamentalmente sobre o os propios folios do texto impreso. Leo subliñando e tomando notas, exprimo o que podo. Busco a estrutura e o ritmo do texto e penso como podo trenzar nel as imaxes. Ás veces tanteo composicións debuxando nas marxes do texto pequenas maquetas de poucos cm. Chego á libreta de bocetos con moitas imaxes pensadas. Na libreta comprobo e ordeno as composicións, sen entrar a debuxar en detalle, como se pode ver nas imaxes que aparecen ao final da entrevista. Logo para o debuxo final fago un esbozo rápido a lápiz, tamén pouco detallado, e sobre ese esbozo debuxo a tinta xa con detalle, deixando marxe á improvisación. Bocetos a lápiz fago poucos, pero repito e descarto bastantes debuxos a tinta.

Salón do Libro

A montaxe dos espazos do Salón está inspirado nos capítulos do libro. A ilustración sae do papel para pasar a formar parte do espazo físico. Amplía o traballo da ilustración editorial para que interactúe co público. ¿Influíu isto dalgunha maneira na construcción das ilustracións para o libro?
Foi boa idea facer un libr o sobre o tema do Salón e diseminalo polos coles de Pontevedra con meses de antelación. Os nenos van ao Pazo expectantes e coñecendo ben, imaxinariamente, o mundo de Extravaganzza… e ao chegar atópano alí materializado. Bonito. Pero eu ideei as imaxes pensando só no libro. O traballo escenográfico posterior require outro plantexamento.

Chama a atención a montaxe das pezas. Están pintadas a man. En que medida te involucraches no deseño dos espazos e creación destes elementos?
En ningunha medida, non formei parte do equipo que fixo ese traballo.

 

 

ANOTACIÓNS DE ÓSCAR SOBRE AS FOTOS:

 

– 01.jpg: á dereita o texto de Ledicia impreso e co esbozo da ilustración de Arriba flamengos! nunha esquina; á esquerda notas que vou tomando ao ler.

– 02: esquema de páxina de Arriba, flamengos!

– 03: esquema de páxina de páxina de Ata pronto, Casa Pavo!

– 04: esquema de páxina de páxina de  Nocturnia.

– 05: acostumo a entintar sobre bocetos así.

– 06: un dos primeiros bocetos de Extravaganzza

– 07: probas de entintado.

– 08: probas de cor.

– E a ilustración de cuberta en liña e en cor.

 

 



Deixa unha resposta