Espectáculo: A casa do Avó (Tanxarina)

foto02

A marea xigante e poderosa que esconde o camiño da fonte

Espectáculo: A casa do Avó (Tanxarina, Mostra de Teatro Infantil de ourense)


Texto: Roberto Pascual (@PascualRoberto)


Presentábase coma unha conxunción de talentos ou reunión dunhas das mellores mans que poden manexar o compás da escena galega e non defraudan en cada función diante do público familiar. Con texto e dirección de Cándido Pazó, a compañía Tanxarina preséntanos a súa nova creación con impecable resolución estética e técnica arredor dun tema tan duro coma con moitas arestas, o dos desafiuzamentos, arredor do cal poden acontecer accións “máxicas” de solidariedade, así coma traxedias que, se cadra, son moito máis inxustas, silenciosas e terribles para a infancia das familias que o padecen.

A da casa do avó de Roberto ten un final feliz. O valente rapaz, na procura de axuda para que o banco non quede con ela, emprende unha carreira conta atrás para atopar algunha solución. Pero primeiro terá que resolver as dúbidas pois, por moito que o avó lle relate a situación, non é quen de comprendela e non porque sexa un cativo, acaso os adultos podemos comprender que estas situacións de deixar ás persoas sen o dereito a unha vivenda digna poidan seguir acontecendo? E que facemos para impedilo? Pois Roberto vai falar directamente co banco do parque. Pero malia que pareza o espazo máis concreto, ese non é o que lle quere levar a casa ao avó… Aínda que a reacción tamén sexa fría, a fachada impasible ante o berro, o silencio o mesmo castigo e ese tampouco dea cartos. Sábeo ben o caracol, ao que todo o mundo confunde cunha lesma porque os bancarios tamén se fixeron co súa cuncha, co seu fogar.

foto05

Tanxarina representando A casa do Avó

Do encontro, da indignación e da rabia compartida, do mesmo laio, Roberto vese abocado a resolver que será mellor deixalo nas mans da maxia, optimista e mesmo inocentemente nun primeiro paso, naquela que todo o pode solucionar, na das fontes máxicas dos contos que escoitaba do seu avó. Pero aínda lle quedan a Roberto leccións por aprender e unha delas será a dos resultados desa fonte máxica, pois non será a auga, a meta, senón o camiño e o que nel vai facendo e atopando o que lle dará a solución ao seu problema. A xente que vai coñecendo na busca da fonte e escoitando a súa historia inxusta será a que se xunte para facer fronte aos tres personaxes encargados de botar á rúa ao avó, CA, PI e TAL, no derradeiro segundo. Velaí a maxia que descobren Roberto e a súa amiga nesta loita: unha persoa soa pode ser pequena, coma eles, pero moitas xuntas son grandes e poderosas, tanto como para que o suceso remate en festa e a música na boca de todos os amigos do avó, coma un verdadeiro patrimonio colectivo.

A riqueza expresiva do espectáculo, que require dun ritmo áxil e coordinación nas accións e manipulacións, así coma de apelación directa ao público, fragmentos metateatrais e cancións, nútrese tamén dende a técnica do pop-up (para algunhas das localizacións da sorprendente e luminosa casa, que contrasta coa pátina gris da paisaxe inmobiliaria hipotecada) até o cómic (por exemplo nas escenas de incomprensión ou insulto furioso do protagonista), o pouso artesanal de artefactos escénicos (coma o panel xiratorio que nos leva pola vila da man do patinete de Roberto na procura da fonte) ou os diversos monicreques de vara dos que brotan torrentes de creatividade e sorpresas. Na dramaturxia da peza, sinxeleza na exposición argumental, repetición como base compositiva, humorística ou paródica dalgún personaxe (por exemplo, o caracol que sempre repite ba: babanco,  ababandono…), mestura de obxectos e actores, ben como narradores ou coa máscara dos executores da expropiación, pausas que nos permiten facernos donos da intriga e miniaturas con mensaxes xigantes: “avó, amigo, estamos contigo”.



Deixa unha resposta