Falamos con Anxos Riveiro responsable do Salón do libro de Pontevedra

Falamos con Anxos Riveiro responsable do Salón do libro de Pontevedra

salonEntrevista

“En 2016 o Salón do Libro mudará de mes e celebrarase en abril”


Texto: Ana López – Pontevedra (fotografía ©Patxot)

 

Remata un novo Salón do Libro de Pontevedra. Que balance fai?
Moi positivo. Tendo en conta sobre todo que é un Salón que vén dunha serie de cambios que comezamos no 2014 e que se consolidaron este ano. O proxecto vai cara un formato moi diferente no 2016, cando nos gustaría iniciar unha nova etapa.

Cantos ‘salóns’ ten Anxos Riveiro detrás?
Con este, levo catro anos, un tempo durante o cal o Salón do Libro foi mudando igual que o fixo a cidade de Pontevedra. Neste período tamén mudaron as editoriais e os hábitos de lectura.

O que a xente non sabe é que organizar cada edición leva case un ano enteiro. De feito, a edición XVII xa comezou…
Si. É fundamental organizalo con tempo porque queremos que sexa un proxecto serio, que agrade e introduza novidades. A idea é que sexa algo diferente ao que os nenos poden atopar nas actividades extraescolares ou nos propios centros de ensino. Iso require un traballo de moito tempo e de falar con moita xente, porque a participación é fundamental nesta iniciativa.

E parece que xa están a falar da temática do Salón do Libro 2016…
Aínda non está claro a día de hoxe o tema porque estamos agardando tamén a aportación de ideas dos editores galegos e doutros colectivos moi vinculados ao Salón. O que si podo avanzar é o cambio de data, xa que terá lugar en abril. Tamén hai algunha novidade máis que aínda non podo contar. Vai todo nese camiño de seguir dándolle unha volta ao Salón, tanto ao espazo como á filosofía. Será algo moi fermoso que fará que o de Pontevedra se diference aínda máis doutros deste estilo.

Porque hai moita xente que pensa que isto é unha feira do libro.
Claro, pero non o é porque naceu coa finalidade de achegar e promover a lectura entre os máis pequenos, pero nunca quixo ser unha feira do libro. Quen sabía no 1999 que era un contacontos? Foron xurdindo propostas nun espazo divertido e diferente.

A cara visible do Salón do Libro son os monitores, pero hai máis persoas detrás…
Quen está ao pé do canón son os monitores, son unha parte fundamental, pero si que é certo que hai outras persoas imprescindibles, dende a xerencia ata a producción, mantemento… pasando polo gabinete de prensa e de atención aos centros de ensino, cuestión esta última que leva moitísimo traballo. Tamén hai que ter en conta a todas esas asociacións que colaboran aportando contidos, ideas ou actividades.

Pódese cuantificar a repercusión do Salón do Libro?
Para nós é moi importante que se vexa que Pontevedra é unha cidade vizosa na que tratamos marabillosamente aos nenos, esas persoas principais. É difícil cuantificar en cultura; o importante é sacar proxectos adiante. Para min non hai maior cuantificación que o feito de que de cada Salón do Libro quede pouso e que sirva como motivación para achegarse á cultura.

Coñécese fóra de Galicia esta labor?
Bueno, isto é un traballo de formigas. Darnos a coñecer fóra e poñernos en valor é un obxectivo.

Hai algún tipo de dato ou estatística que demostre que o Salón do Libro axudou ao fomento da lectura entre os máis pequenos?
Non. Iso é moi difícil. Ao final co que nos movemos é coas sensacións, que son difíciles de cuantificar, pero que falan de que por aquí pasan miles de nenos. O Salón do Libro axuda á apertura a cultura, a que en tódalas familias estea presente a literatura dalgún xeito.

Os nenos len en galego?
Len perfectamente. As barreiras ao idioma poñémolas os adultos. O 99 por cento dos libros que hai no Salón están en galego e os rapaces o pasan estupendamente. Os nenos non teñen ningún tipo de prexuizo. Os prexuizos están fóra, arriba de todo.



Deixa unha resposta