Antonis Papatheodoulou e Iris Samartzi fanse co IX Premio Compostela de álbum ilustrado

ixcompostela


UNHA OBRA GREGA BASEADA NO COLLAGE FAISE CO PRESTIXIOSO PREMIO


Un ano máis o Premio Compostela de Álbum Ilustrado vai lonxe das nosas fronteiras, desta vez nin máis non menos que ata Grecia. Soubemos a través da web de kalandraka da resolución do certame que premiou os gregos Antonis Papatheodoulou (texto) e Iris Samartzi (ilustracións) pola obra presentada co lema “El último día”.

O xurado decidiu, por maioría, que o premio recaia nesta obra onde predomina a técnica do collage e destacou o “equilibrio entre a ilustración e o texto, formando un todo harmónico”. Tamén valoraron a consistencia da narración, que “transmite Ledicia e ternura á vez”.

O xurado decidiu proclamar finalista a obra presentada co lema “Por allí, el infinito” e outorgoulle unha mención especial ao traballo titulado “Nina e Antoine”.

Formaron parte do jurado a ilustradora Carme Solé Vendrell, o tradutor e editor Miguel Azaola, a bibliotecaria Ánxeles Roca, Manuela Rodríguez en representación de KALANDRAKA, o concelleiro de Educación e Cidadanía, Manuel Dios, o xefe do Departamento de Educación e Cidadanía do Concello de Santiago, Xosé Manuel Rodríguez-Abella, e Beatriz Rodríguez, do mesmo departamento, en calidade de secretaria.

 

Dos autores rescatamos este texto da nova difundida por Kalandraka

Anthonis Papatheodoulou (Atenas, 1977) estudou Animación en Atenas e Barcelona, e Literatura Española na Hellenic Open University. Traballa como tradutor e publicou varios libros. Recibiu o Premio de Álbum Ilustrado de Grecia en 2011 e 2012, o Premio de Álbum Ilustrado da revista Diavazo en 2011; varias obras da súa autoría foron incluídas na lista The White Ravens.

Iris Samartzi (Atenas, 1979) estudou Deseño Gráfico e Arte. Traballa como ilustradora de libros infantís e como profesora de debuxo en educación primaria. Recibiu, entre outros, o Premio Nacional de Libro Ilustrado da sección grega da IBBY en 2012 por un libro con texto de Anthonis Papatheodoulou, galardón que repetiu en 2015. Unha das súas obras tamén figura na Lista de Honra IBBY 2015.



Deixa unha resposta