Ledicia Costas, Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil

Ledicia Costas

Ledicia Costas, Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil


Texto: Redacción


Non podemos estar máis contentas e orgullosas na Revista Criaturas. Sabemos, coñecéndoa como a coñecemos, que Ledicia Costas (Vigo, 1979) nos reñerá por dar nova aquí, na súa casa, do seu maior éxito (que non único) literario ata a data. Dende hoxe ao medio día chegou a grande sorpresa, o xurado do Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil decidía premiar a obra Escarlatina, a cociñeira defunta por ser “unha obra extraordinaria, humorística e rompedora no contexto da literatura infantil e xuvenil actual que destaca tamén pola súa lectura sinxela, polo seu humor, e pola habilidade para desmitificar o mundo da morte”.

O xurado estivo formado polo autor galardoado na edición 2014, Diego Arboleda; o autor galardoado na edición 2013, César Mallorquí; pola Real Academia Española, Carme Riera; pola Real Academia Galega, Rosario Álvarez Blanco; pola Real Academia da Lingua Vasca, María Asunción Agiriano; polo Instituto de Estudos Cataláns, Vicenç Llorca; pol Organización Española para o Libro Infantil e Xuvenil (OEPLI), Montserrat Pena; pola Conferencia de Reitores das Universidades Españolas (CRUE), Gemma Lluch; pola Federación de Asociacións de Xornalistas de España (FAPE), Concha Barrigós; pola Asociación Colexial de Escritores de España (ACE), Paula Izquierdo; polo Centro de Estudos de Xénero da UNED, Marina Sanfilippo; e designada polo ministro de Educación, Cultura e Deporte, Teresa Corchete. Estivo presidido polo director xeral de Política e Industrias Culturais e do Libro, José Pascual Marco, e actuou como vicepresidenta, a subdirectora xeral de Promoción do Libro, a Lectura e as Letras Españolas, Mónica Fernández.

Oito anos despois do logro colleitado por Agustín Fernández Paz, Ledicia convértese na quinta autora de Galicia en lograr este galardón nunha carreira que iniciou Paco Martín coa obra Das cousas de Ramón Lamote e que completa unha dimensión para a nosa LIX realmente esperanzador:

  • 1986. Paco Martín. Das cousas de Ramón Lamote.
  • 1995. Xabier Puente Docampo. Cando petan na porta pola noite.
  • 1996. Fina Casalderrey. O misterio dos fillos de Lúa.
  • 2008. Agustín Fernández Paz. O único que queda é o amor.
  • 2015. Ledicia Costas. Escarlatina, a cociñeira defunta.

Dende Criaturas queremos darlle os nosos máis agarimosos parabéns a Ledicia, polo seu labor incombustible, polo seu bo facer, por todo. Mais tamén a Edicións Xerais de Galicia, a todo o seu equipo, por lograr que cousas así poidan pasar.



Deixa unha resposta