LER PARA ESCRIBIR

storyteller_Anker_Grossvater_1884

Unha proposta de lecto-escritura


Por María Jesús Fernández


 

Esta sección da revista vai dirixida especialmente a aquelas persoas que traballan na formación de usuarios da lingua (docentes, responsables de bibliotecas, persoas encargadas de talleres de escritura …) e pretende amosar algunhas experiencias relacionadas coa animación lectora ou con prácticas de lecto-escritura que lles poidan servir de axuda e orientación no desenvolvemento do seu traballo. Neste sentido, os responsables da revista Criaturas, conscientes do bo traballo que se está realizando en moitos colexios, institutos, bibliotecas…, abren as páxinas deste medio á colaboración de todos aqueles que teñan unha experiencia interesante e desexen compartila.

Na proposta inaugural, e partindo do convencemento de que ler e escribir son dúas caras da mesma moeda, convidamos a todas e todos os interesados a realizar unha lectura creativa.


De todas as maneiras individuais de achegarse á lectura, (ler como forma de ocio, para obter información, para adquirir coñecemento …), a máis intensa e eficaz é aquela de quen pretende “apropiarse” do que le, a lectura que fai quen se achega ao texto alleo tentando descubrir as chaves do proceso creativo para poder comprender, non só o que se pretende comunicar, senón tamén as técnicas e recursos utilizados para acadalo (Que se di?/ Como se di?). Non estamos falando en modo algún dos fríos e academicistas “comentarios de texto”, senón dunha lectura intuitiva e atenta, que propicie o diálogo e que sitúe ao aprendiz no punto de vista de quen escribe coa finalidade de dotarse de ferramentas e poder utilizalas nas propias creacións.

A imaxinación creadora de criaturas.
O númerocero da revista Criaturas está dedicado de maneira especial a eses seres cuxa existencia non procede da limitada realidade sensorial, senón que son produto da capacidade imaxinativa das persoas. No seu libro La imaginación y el arte en la infancia(1), o psicólogo ruso Vigostky fala desta facultade dos seres humanos, da capacidade para idear algo absolutamente novo, que non procede da experiencia “real”, pero que ao ser creado adquire a súa propia realidade e comeza a “existir” como tal e a interactuar cos demais seres e obxectos preexistentes. A esta categoría de seres, que constitúen unha parte da nosa cultura e do noso imaxinario individual e colectivo, pertencen as fadas, os trasnos, os unicornios, as sereas, os dragóns, os anxos, o minotauro… Todas elas criaturas cunha existencia incuestionable que responden a desexos de transcender as limitacións que nos atan á monótona vida cotiá.

A proposta deste Obradoiro diríxese nesta ocasión a esa extraordinaria capacidade creativa e consiste en imaxinar e dar vida a unha desas criaturas, e facelo previa lectura dun fragmento literario que sirva de modelo.

O fragmento elixido pertence ao libro Imaxina animais (Edit. Kalandraka), do que son autores Xosé Ballesteros polos textos e Juan Vidaurre polas imaxes. Trátase dun pequeno bestiario no que se describen e retratan doce animais “case descoñecidos”, creados a partir de analoxías inusuais. A interesante proposta gráfica consistente en fotografías que botan unha ollada descontextualizadora sobre obxectos de uso cotián, compleméntase cos textos que reproducen de forma paródica as características formais da linguaxe científica dun caderno de campo escrito por un naturalista. A mestura de “rigor científico” e humor é precisamente onde reside a singularidade e eficacia destes textos.
A proposta pasa por tres fases: Antes da lectura / A propia lectura/ Despois da lectura.

Antes da lectura:
Suxírese un diálogo que sirva de análise da ilustración e do propio nome co que se designa a criatura (A FREPOLBO):

imaxina-animais_frepolvo_b

Que vemos.
A que se parece.
Que nos suxire o nome.
Con que elementos xoga a imaxe para conseguir a transformación.
Cales poderían ser as características de vida e costumes da Frepolbo.
…………………………………………

A propia lectura:

A FREPOLBO

Coñecida tamén polo alcume de “mochopatas” a frepolbo é un animal urbano de costumes nocturnas. Aínda que semella un cefalópodo, a frepolbo é de certo un gran arácnido, emparentado coa terrible tarántula  da selva salvaxe, mais neste caso é inocuo. Adoita vivir nos chalés acaroados, comercios de roupa e colexios de educación primaria. Aliméntase de augas turbias e pavimentos húmidos que percorre de noite na compaña de cascudas e demais bichería doméstica.

Nos meses de verán ou de contumaz seca case pasa inadvertida mais, cando chegan as chuvias, a frepolbo reprodúcese con gran rapidez e deixa unha pegada escorregadiza nos trasteiros e aseos. O seu gran momento aparecerá coas riadas ou as inundacións; neses casos extremos a frepolbo será unha praga, pero inofensiva.

Xosé Ballesteros / Juan Vidaurre. Edit. Kalandraka, Pontevedra (2008)

Despois da lectura:
Rematada a lectura farase unha análise da mesma tentando, como se dixo, descubrir que nos queren contar os autores, que tipo de reacción ou sentimento pretenden provocar no receptor e con que procedementos o conseguen. Esta análise ou comentario farase mediante o diálogo aberto no que todos deberían participar, tendo a persoa que dirixe a sesión o papel de estimular este diálogo e propiciar que xurdan ideas e opinións. (É importante ter en conta que non existe unha única interpretación dun texto literario e que a lectora ou lector recrea o texto en cada lectura individual).

A continuación chégase á proposta de escritura, individual ou de grupo, consistente na creación dunha criatura.

Esta creación pode facerse utilizando o recurso da analoxía, como no caso da frepolbo no que un obxecto se transforma nun animal co que comparte certa semellanza física; por asociación e síntese de dúas realidades diferentes, como sería o caso do basilisco, mestura de galo e serpe; ou creando libremente, sen referencia previa.

Para facilitar a xeración de ideas pódese partir dos supostos apartados dun caderno de campo.

Proporase tamén que se fagan dous debuxos, un da criatura descrita e outro dalgún elemento singular (pegadas, agochos, algunha parte concreta do corpo, etc.). Unha ficha como a que segue podería servir de exemplo.

caderno

Parte final:
Con todos estes datos á vista, o aprendiz de escritor ou escritora xa está en condicións de relacionalos dándolles coherencia e cohesión, para producir o propio texto. Este texto pode ser unha descrición, ou unha narración na que a criatura participe como personaxe. (En ambos casos é fundamental ir amosando a estrutura do texto descritivo e do texto narrativo).

Outros libros nos que buscar modelos para a creación de “criaturas”:
Das cousas de Ramón Lamote. Paco Martín. Ed. SM (As páxinas nas que se describe o “Entomodelfo”)
Animais fantásticos. José Jorge Letría / André Letría. Ed. Kalandraka.
O Home do Traxe Branco. Herikberto M. Quesada. Edicións Xerais.
Paxaro de mar e vento. Tucho Calvo / Xosé Cobas. Edit. Biblos.
Animalario Universal del profesor Revillod. Javier Sáez Castán. Edit. Fondo de Cultura Económica.

 

NOTAS
(1) Lev Semenovich Vigotsky. La imaginación y el arte en la infancia (1930). Akal.

Descárgao en PDF

Descárgao en PDF



Deixa unha resposta