Marilar Aleixandre entrará na Real Academia

Marilar_Aleixandre._Foto_da_AELG_2

Fantástica nova a que nos deu o pasado sábado a Real Academia Galega. No plenario celebrado durante a mañá do sábado anunciouse a proposta de Marilar Aleixandre para ocupar a cadeira que deixou orfa un dos grandes precursores da literatura infantil e xuvenil en lingua galega, Xosé Neira Vilas.

Na revista Criaturas sentímonos enormemente satisfeitos por dous motivos. En primeiro lugar porque a persoa escollida para ese lugar sexa unha das nosas máis sobranceiras autoras de LIX, de modo que, dalgún modo, esta estará presente na institución. En segundo lugar por tratarse dunha muller, co que a Real Academia dá un paso moi importante para a igualdade dentro das súas portas que agradecemos e celebramos.

Así o conta a propia Real Academia no comunicado difundido o sábado:

A vacante de Xosé Neira Vilas proclamárase o pasado 11 de decembro, no primeiro Plenario ordinario celebrado tras a súa produción, tal e como establece o Regulamento de réxime interno da Real Academia Galega. De igual xeito, na sesión de hoxe declarouse a vacante rexistrada polo falecemento de Xosé Fernández Ferreiro o pasado 16 de decembro.

As candidaturas de novos membros de número poden presentarse por escrito ata 24 horas antes do Plenario posterior ao da proclamación de cada vacante e cada unha delas debe ir avalada polas sinaturas de tres membros de número da Academia. Unha vez oficializadas, sométense a votación no seguinte Pleno.

Marilar Aleixandre (Madrid, 1947), nome literario de María Pilar Jiménez Aleixandre, é escritora e catedrática de Didácticas das Ciencias Experimentais da Universidade de Santiago de Compostela. Como escritora, a súa obra está traducida ao portugués, castelán, catalán e éuscaro, e foi recollida en antoloxías en inglés. Recibiu ademais unha morea de premios tanto por obras dos distintos xéneros que cultiva (poesía, narrativa de adultos e narrativa infantil e xuvenil) como polo conxunto da súa carreira.

Como bióloga e experta en educación, Marilar Aleixandre foi pioneira no uso do galego como lingua vehicular no ensino das ciencias: foi coautora dos dous primeiros textos de ciencias naturais en galego e doutros moitos materiais, itinerarios, artigos e ensaios sobre o ensino das ciencias. Na actualidade, a súa liña de investigación é a argumentación, o uso de probas e o pensamento crítico no ensino das ciencias, mediante análise do discurso. Neste campo é autora dalgúns dos artigos máis citados internacionalmente sobre o tema.

 



Deixa unha resposta