MONTSERRAT PIS MARCOS GAÑA O XIII PREMIO PURA E DORA VÁZQUEZ DE LIX

Pura e Dora Vázquez

FALLO DO XIII PREMIO PURA E DORA VÁZQUEZ


A pasada semana fallouse o XIII Premio Pura e Dora Vázquez de Lix. Esta foi a información que deu a Deputación de Ourense:

“A escritora compostelá Monserrat Pis Marcos (Santiago de Compostela, 1983) coa obra Dos estraños ollos de Damaluar e das aventuras que lle sucederon o día que desapareceron as súas zapatillas” (presentada baixo o lema “Cando Lady Moon acordou, o ornitorrinco aínda estaba alí”), foi a gañadora do XIII premio de literatura infantil e xuvenil Pura e Dora Vázquez na modalidade de Narración, dotado con 1.500 euros, que convoca a Deputación de Ourense.
O xurado deu a coñecer a súa resolución esta mañá trala reunión mantida no Centro Cultural “Marcos Valcárcel” da Deputación de Ourense, destacando da obra galardoada que se trata “dunha historia extraordinaria, que transmite moita tenrura, e ten unha vertente educativa moi interesante na que os personaxes transmiten importantes valores”. Asemade o xurado puxo de manifesto “a narrativa, coloquial pero con cultismos, e o xénero fantástico, que denota unha autoría literaria avezada”, destacando que a obra “axéitase ben para poder ser ilustrada dentro do espírito do premio”.

Das 16 obras presentadas ao premio nesta edición, o xurado destacou “a alta participación e o alto nivel de todas as obras presentadas, polo que resultou moi difícil tomar a decisión, pero por unanimidade se acordou a obra gañadora”.

Agora ábrese o prazo para o Premio de Ilustración e os interesados en participar no XIII Premio Pura e Dora Vázquez de Ilustración, poderán solicitar a obra premiada de narración a través do correo electrónico publicacions@depourense.es ou a través do teléfono 988 317790, para o cal a Deputación de Ourense abre a súa convocatoria dende hoxe. A esta modalidade de ilustración poderán concorrer os ilustradores que presenten os seus traballos, inéditos e orixinais que se axusten ás bases do premio e que tomen como base o texto premiado de Monserrat Pis Marcos. Nesta modalidade establécese un premio coa mesma contía co de narración de 1.500 euros, e os traballos deberán presentarse antes do día 31 de marzo de 2016.

O xurado da XIII edición do Premio Pura e Dora Vázquez de Narración estivo presidido polo deputado provincial de Cultura, Manuel Doval, e integrado como vogais por José Manuel Fernández López, Carlos Rodríguez Calvo, Mario González Sánchez e Xosé Manuel Cid Fernández, actuando como secretaria Ana María Malingre Rodríguez.



Deixa unha resposta