O ilustrador ilustrado, unha entrevista a Xosé cobas

O ilustrador ilustrado

O ilustrador ilustrado. Unha entrevista a Xosé Cobas


Texto: Gracia Santorum


Son as 6 da tarde cando chego a Cambre e me dirixo ao estudo de Xosé Cobas (Logrosa- Negreira, 1953). Cando entro, a doce e lenta delicadeza do artista esténdese nos recunchos daquel espazo poboado de misterios retratados. Fóra, o crepúsculo non comezou a lamber o serán e as ventás reflicten unha tarde primaveral onde as nubes xogan a introducirse nos seus bocexos, sabedoras de que a lúa descansa aínda, fachendosa de ter sido apreixada pola paleta do pintor.

Coa sabedoría que os anos foron pousando, déixase fotografar unha e outra vez mentres a cámara, abraiada, capta o momento en que o papel se transforma en arte. Os pinceis, dispostos, pasean gracilmente polas mans do artista que busca dar un último suspiro á figura que axiña cobrará vida noutras mans.

Xosé Cobas é un dos ilustradores máis importantes do panorama da ilustración galega. Comezou ilustrar de maneira profesional no ano 1988. Anteriormente iniciara os estudos de Perito Mercantil (cousa de números, parece mentira!) onde antes era a escola de empresariais da Coruña; porén, iso de multiplicar letras con números non lle parecía serio e derivou cara á pintura, para estudar na Escola de Artes de Santiago e preparar o ingreso a Belas Artes en Sevilla, ingreso ao que nunca se presentaría. Paralelamente, pintaba arreo e facía exposicións individuais, tanto en Santiago como na Coruña. Declárase por tanto, autodidacta.

Ten ilustrado máis de cen libros e ten levado numerosos premios:

F.T.E.N. ao mellor libro de teatro ilustrado no ano 2002.
Lecturas ao ilustrador máis votado polas bibliotecas galegas 2003.
White Ravens da Biblioteca Internacional de Múnic 2003.
World Cookbook Awards ao mellor libro de literatura gastronómica en lingua española. Oslo 2004.
White Ravens da Biblioteca Internacional de Múnic 2005.
– Seleccionado para representar a España na Bienal Internacional de Bratislava, anos 2003 e 2007.
– Seleccionado para representar a España en Illustrazione e Grafica, Italia.
Isaac Díaz Pardo ao mellor libro ilustrado en Galicia no ano 2008.
– Seleccionado para representar a España no Congreso Iberoamericano de Ilustración en 2013 (Colombia).
Premio Neira Vilas 2014 co álbum “A pantasma da casa da Matanza”. Biblos

Asemade, revistas como CLIJ nº 116 (1999), PEONZA nº 49 (1999), (despois de celebrarse o II Congreso de Literatura Infantil e Xuvenil de Cáceres onde presentou con Juan Farias o libro “La posada del séptimo día” editado por Everest),  Fadamorgana nº 4 (2000), Malasartes (Portugal, 2009), PEONZA nº 106-107 (2014),  interésanse polo seu traballo.

Mentres falamos, a cadencia da súa voz vai ocupando o espazo, onde ironía sutil e dozura transforman xestos, miradas e palabras nunha lección de vida e literatura ilustrada.

Xosé Cobas no seu estudo

Cal é o primeiro libro que recordas?

Posiblemente Escuela de Robinsones de Julio Verne ou Robinson Crusoe de Daniel Defoe. Fun un lector tardío porque na miña casa non había libros. Co Bacharelato chegaron tamén as novelas de aventuras que me engancharon a outras lecturas e fixeron medrar en min a afección polos libros e a literatura.

 

A túa última lectura?

Consejos para niñas pequeñas de Mark Twain publicado por Sexto Piso. Estou a ler unha antoloxía de poesía que me regalou a miña muller, un libro especial non só polo contido senón pola coidada edición, Versos de amor, unha Selección de Rosa Navarro Durán publicada por Alianza Editorial.

 

De onde vén a vocación de ilustrador? En que momento se converte na túa profesión?

Pasei do mundo da pintura ao da ilustración por casualidade. A vida é así!: sucesos encadeados. Coñecín a Xabier Docampo e propúxome ilustrar un libro seu: A nena de auga e o príncipe de lume. Era o ano 1989. Así comecei na LIX como ilustrador. Paseniñamente a  ilustración foille comendo tempo e terreo á pintura: hoxe en día dedico o 90% á ilustración e un 10% á pintura. Como pintor, hai máis de dez anos que non expoño de forma individual.

Antes diso ilustrei algún libro de poesía e debuxei para La Voz de Galicia  -dende 1982 ata 1995-.

 

E bótalo de menos?

Boto de menos expresarme en formato grande. Sigo utilizando rexistros propios da pintura na ilustración. Utilizo o óleo de forma mixta, con pastel, lapis… Ás veces remato dixitalmente, pero gústame que a ilustración cheire a trementina.

 

Como son o primeiros anos de profesión? Que aprendiches deles?

Se hoxe en día sigo estando inmerso na dúbida, imaxina daquela! Dicía Lucio Muñoz: “yo vivo siempre rodeado de la duda. Pero gracias a la duda progreso. La duda me ayuda a reflexionar”. É así. Precisas buscar, documentarte, reflexionar… Ao comezo navégase nun mar de dúbidas. Pero a medida que se avanza nesa busca e nesa reflexión, o camiño aclárase.

 

De cal das túas obras estás máis orgulloso e por que?

Non sabería dicir. Todas achegan peculiaridades diferentes respecto ás outras. Todas posúen un pouso de riqueza e pedagoxía. Pero as que máis me proxectaron posiblemente foran Bolboretas (con Xabier P. Docampo na editorial Everest no ano 2004. Lista White Ravens, 2005), Gallego. A la orilla del mar (con Juan Farias, publicado por  Fondo de Cultura Económica  no ano 2006) e O libro das viaxes imaxinarias (con Xabier P. Docampo publicado por Xerais no ano 2008). Agora mesmo teño unha grande ilusión co álbum Cuadros de una exposición, baseado na peza musical de Musorgsky, que vén de sacar Kalandraka.

 

Cales son as túas motivacións para traballar?

Que difícil!

Amor á profesión, amor á pintura… Ese vínculo pictórico que exerzo na profesión vén do meu amor pola pintura. Logo, o texto. O texto determina o grao de implicación. No proceso de lectura é onde un crea a obra. O texto léoo moitas veces: primeiro, fago unha lectura para recoñecer, logo unha lectura para identificarme co lido; así, vou penetrando na obra e ela comunícame a min. Ha de haber simbiose entre a obra escrita e eu. Ela dáme e eu recollo.

No proceso de lectura é cando, en definitiva, se establece ese diálogo co texto.

A lectura vai expandíndose entre as reviravoltas do texto e o ilustrador vai recollendo eses espazos. Se o texto é plano, se non achega nada, debo tirar polo camiño que me queda para buscar ocos e enchelos.

 

Como é a túa rutina diaria? Tes moitas manías á hora de enfrontarte ao teu propio traballo?

Érgome moi cedo, ás seis e media da mañá para estar fichando unha hora despois na Deputación. De volta na casa estou sobre as tres e media. Despois de xantar, descanso un pouco, sobre media hora, para logo subir ao estudo ata a hora da cea, sobre as nove e media. Ao rematar, adoito volver a subir ata preto das doce, cando non me quedo a ler ou ver unha peli.

Nas fins de semana, traballo preferiblemente pola noite; no seu silencio escuro pénsase mellor.

Manías? Coido que non. A non ser que se considere manía o traballar sempre con música: Leonard Cohen, Nick Cave, Mendelson, Paganini…

 

Que consideras definitorio da Literatura Infantil?

Dende que punto de vista? Para o meu traballo?

O texto para o ilustrador é coma a paisaxe para o paisaxista, sen que isto queira dicir que o pintor teña que reproducir mimeticamente esa paisaxe. O texto é quen achega os elementos necesarios que serán logo elaborados polo ilustrador. Ao lectorado infantil non se lle debe dar todo mastigadiño. Convén abrir portas á busca, á interpretación, dar pasiños pola linguaxe abstracta… Aproveitar, en definitiva, “ismos” que a arte nos ofrece.

 

Con que autor/autora che gustaría colaborar?

Nunca me fixen esa pregunta. Eu ilustro o texto, o produto que sae do autor/autora, non a persoa.

 

E que texto che gustaría ter ilustrado?

Algúns poemas de Leonard Cohen ou de Walt Whitman.

 

O teu próximo proxecto?

Teño varios arestora. Veño de entregar o de Cadros dunha exposición  con música de Modest Mussorgski para a editorial Kalandraka. Traballo nun proxecto con Javier Sobrino e teño que deseñar unha colección de poesía para unha nova editorial, así como ilustrar o primeiro libro desta serie. Estou a rematar outro con Antonio García Teijeiro e Antonio Reigosa, e teño, con Xabier Docampo, unha historia para un álbum. Asemade, ando con dous proxectos individuais, un de xogos de luz e outro ao que non lle teño título e será un álbum sen texto.

 

Cambian moito os primeiros bocexos do resultado final ou pola contra as primeiras ideas son as mellores?

Sempre queda no bocexo unha parte reservada á aventura. A aventura que se vive cando se inicia a arte final. O bocexo non sempre é contido gráfico. No meu caso pode consistir tan só en anotacións textuais. É dicir, plasmar o esencial, o básico da idea, sen máis. Como dixen ao principio, si que pode haber diferenza ou moita diferenza entre idea inicial e arte final.

 

Con que técnicas estás máis cómodo?

Uso técnicas mixtas con predominio do óleo. Nestas mixtas hai de todo: lapis, pastel, acrílico…

 

Como levas a “soidade” no traballo?

É fundamental. Preciso silencio e nese “silencio” está o concepto de soidade. Refírome ao silencio máis conceptual, o que permite a mirada ao interior de cada un, como un proscenio onde todo está nu.

(Hoxe non se escoita a música que normalmente acompaña o artista porque lle roubei  a súa particular soidade)

 

Quen realiza a túa primeira crítica?

A miña muller, Ánxeles, por proximidade, por criterio e por afinidade. Comentamos o traballo, discutímolo, ás veces coincidimos e outras obrígame a novas reflexións. Pero é fermoso compartir o goce…

 

Quen son os teus ilustradores e ilustradoras preferidos?

Moitos: Xan López Domínguez, Ana Juan, Pablo Auladell, Sáez Castán, Noemí Villamuza, Federico Delicado, Carmen Segovia, Óscar Villán… iso sen saír do estado.

 

A noite foise mergullando no estudio asolagando a conversa. Unha conversa que acariña os obxectos da creación, o proceso creador, a maxia do momento. Non quixera escorrentalo nin que a miña presenza estorbase. Quen fose música para acompañar ao ilustrador!

 

 

 



Deixa unha resposta