O FANTÁSTICO MOMENTO DA LIX GALEGA

katze2


BEIZÓNS!


 

Hai uns días o IBBY (The International Board on Books for Young People), facía pública a Listaxe de Honra que elabora cada dous anos. Este prestixioso catálogo reúne 173 títulos de todo o mundo que destacan polas súas calidades literarias e artísticas. Tres obras en lingua galega foron escollidas para seren incluídas nesta Listaxe de Honra: Ícaro, de Federico Delicado (Editorial Kalandraka), Escarlatina, a cociñeira defunta, de Ledicia Costas (Edicións Xerais) e Bisa Bea, Bisa Bel, de Ana María Machado, tradución de Ramón Nicolás (Editorial Galaxia). Estes libros formarán parte dunha exposición que viaxará por países como Xapón, Italia ou Rusia. Deste xeito, a creación literaria en lingua galega expándese alén das nosas fronteiras. Mais as boas novas continúan. A pasada semana coñeciamos a inminente publicación de distintas traducións ao castelán de obras de autores e autoras galegas:

  • Historia de la bicicleta de un hombre lagarto, de Fina Casalderrey (título orixinal: Historia da bicicleta dun home lagarto, Edicións Xerais)
  • La senda de las hormigas, de Marcos Calveiro (título orixinal: Palabras de auga, Edicións Xerais)
  • Las brujas de la reina Lupa, de María Solar (título orixinal: As meigas de Lupa, Edicións Xerais)

Tamén temos noticia da tradución de obras galegas a outras linguas da península como o catalán ou o valenciano respectivamente:

  • Escarlatina, la cuinera difunta (título orixinal: Escarlatina, a cociñeira defunta, Edicións Xerais)
  • La història autèntica de la mosca de la tele (título orixinal: A verdadeira historia da mosca da tele, Editorial Galaxia)

Pero hai máis: a editorial Small Stations Press anunciou a publicación de tres novos títulos traducidos do galego ao inglés que verán a luz neste 2016, dentro da súa colección “Galician Waves”:

  • Corridors of Shadow, de Agustín Fernández Paz (título orixinal: Corredores de sombra, Edicións Xerais)
  • Heart of Jupiter, de Ledicia Costas (título orixinal: O corazón de Xúpiter, Edicións Xerais)
  • I Love You Leo A. Transit Station, de Rosa Aneiros (título orixinal: Ámote Leo A. Estación de tránsito, Edicións Xerais)

Non hai dúbida de que este é un momento fantástico para a LIX galega. Desde Criaturas queremos felicitar ás autoras e autores e tamén ás editoriais. Beizóns!



Deixa unha resposta