ONDE VIVEN OS MONSTROS

Sendak

Algunhas claves para achegarse ao clásico intemporal

de Maurice Sendak


Por María Jesús Fernández


Onde viven os monstros (Where the wild things are), o libro paradigma do álbum ilustrado, considerado intemporal e para todos os públicos e que é con toda probabilidade un dos máis queridos e mellor coñecidos da actualidade, foi editado no ano 1963. Era o primeiro álbum ilustrado que lle encargaban ao seu autor, Maurice Sendak (1928-2012), que entón tiña 35 anos e, aínda que xa levaba un tempo debuxando e escribindo libros para o público infantil, era daquela un perfecto descoñecido. (Neste enlace pódese ler un interesante artigo sobre o autor feito pola revista Imaginaria)

A aparición do libro non pasou desapercibida nin deixou ao público indiferente, moi ao contrario, xa dende o principio foi obxecto de atención e controversia. Xunto a unha excelente acollida por parte dos lectores e da crítica que o fixo merecedor en 1964 da prestixiosa medalla Caldecott, o galardón máis importante que se concede nos EEUU ao álbum ilustrado, e que catapultou ao autor á fama internacional, apareceron de inmediato numerosos detractores que aconsellaban manter o libro fóra do alcance dos nenos e nenas por parecerlles que era unha lectura perniciosa. Mesmo houbo un bibliotecario que dixo: “Este non é un libro que se deba deixar ao alcance de nenos sensibles cando chega a noite”.

Imos tentar achegarnos a este libro para ver de descifrar algunhas das claves da súa traxectoria chea, como vemos, de éxitos e de controversia. Unha excelente fonte de datos para afrontar esta tarefa é a entrevista que Bill Moyers realizou no ano 2004 a Maurice Sendak para o programa NOW da PBS (cadea de televisión pública en EEUU), na que o propio autor revela aspectos de moito interese da súa obra e da súa personalidade.

Así sabemos que M. S. levaba máis de dez anos escribindo e debuxando libros para o público infantil cando coñeceu a quen sería a súa editora, Ursula Nordstrom, a primeira persoa en confiar nas capacidades de Sendak como autor e debuxante, “unha muller apaixonada, capaz de detectar o talento en dez millas á redonda (…) que soubo ver a través do meu ordinario traballo de entón e axudoume a medrar como artista ”, que lle contratou o que sería o seu primeiro álbum ilustrado. Hai unha curiosa anécdota con respecto á xénese do libro: conta Maurice Sendak que o título que lle presentou a Ursula Nordstrom foi Where the wild horses are, pero despois dun tempo de intentos tivo que recoñecer a súa incapacidade para debuxar cabalos e, a instancias da editora que empezaba a impacientarse, admitiu que o que realmente quería era debuxar “things”, é dicir “Criaturas”, algo suficientemente impreciso e aberto para permitirlle liberdade de creación. Tamén se nos revela na citada entrevista en quen están inspiradas esas “criaturas” que, segundo o autor, teñen orixe na propia infancia e son unha homenaxe tardía aos seus parentes xudeus, tío, tías, curmáns, que chegaban da vella Europa e polos que el, a súa irmá e o seu irmán, fillos de emigrantes polacos establecidos en Brooklyn, sentían unha gran repulsión; odiaban o aspecto descoidado que os parentes ofrecían, os seus dentes horribles, os pelos que lles saían do nariz…, e aborrecían ser bicados e apertados por aqueles descoñecidos que viñan de lonxe, non sabían falar inglés e presentaban tan desagradable aspecto. Recordando como el e os seus irmáns se burlaban daqueles parentes que co tempo chegaron a serlles moi queridos, decidiu, como nunha especie de desagravio, convertelos nas “criaturas salvaxes” (the wild things) da historia.

Sendak2

Imos facer un breve resumo da historia que se conta no libro: por desafiar a súa nai Max, disfrazado co seu traxe de lobo branco, é enviado á cama sen cear. Pero estrañas cousas suceden no cuarto de Max e o rapaz chega ao lugar onde viven os monstros. Isto non é problema para alguén tan ousado e valente, e cando se enfronta aos monstros, como xa fixera coa súa nai, Max é coroado rei e dirixe aos seus súbditos a unha festa salvaxe que unicamente remata cando el envía aos monstros á cama sen cear. Pero isto non é dabondo para Max que sente morriña da súa casa e navega de volta ao seu propio cuarto onde a cea, aínda quente, está esperando por el.

Que pode haber nesta historia que molestara tanto a moitos adultos do momento? O autor opina que, aínda que esa non era a súa intención, Onde viven os monstros é o primeiro libro infantil escrito en norteamérica no que un neno se enfronta a súa nai e a desafía. Algo que as xentes de orde non podían admitir. Como tampouco era admisible que a nai deixara ao neno sen cear. As nais norteamericanas, sempre amorosas e solícitas, non poden facer iso. E, o peor de todo, cando Max regresa non é castigado, a súa falta queda sen sanción, non hai no libro ningunha lección, ningunha aprendizaxe moral que ofrecer ao público lector. Inaudito. Esta imaxe que o libro presenta da conduta infantil e das relacións familiares é algo que certos estamentos da sociedade norteamericana non podían tolerar.

Ademais desta interpretación “pouco edificante” que algúns quixeron ver no libro, a historia que Maurice Sendak nos conta, aparentemente tan sinxela, préstase a numerosas lecturas. Unha delas que nos parece moi interesante é a que a relaciona coa psicoloxía infantil e ve nela unha esclarecedora representación da maneira como os nenos e nenas subliman as súas frustracións.

Vexamos: Max desafía a autoridade da súa nai, pero finalmente ela é quen impón o seu poder e ao neno, tremendamente frustrado, non lle queda máis remedio que obedecer e marchar moi de mala gana para o seu cuarto. É esta unha situación de impotencia moi habitual na infancia: nada pode facerse fronte aos todopoderosos adultos. Nada? Quizás non no mundo real, pero si na fantasía. E, quen non ten fantaseado con “castigar” aos pais facéndolles que sintan remorsos por ter sido “inxustos”nos seus castigos? Moi desgustado coa súa nai, non hai máis que verlle a cara, Max decide “castigala”, decide que “sufra”, e para iso afástase da casa e marcha lonxe, a un lugar que ela descoñece e onde el está de marabilla porque alí é o rei despois de impoñer a súa forza de carácter, un lugar no que pode facer impunemente toda clase de faenas. E fainas. Con isto, as ansias de “vinganza” de Max quedan compracidas, xa é hora de regresar “á realidade”. Mais este retorno non se pode facer de calquera maneira. Non, Max non volve porque alguén llo impoña, porque o boten dese lugar onde é tan ben acollido, ao contrario, os monstros, os seus súbditos, tentan por todos os medios que quede, pero non, non queda porque decide voluntariamente marchar, xa “perdoou” á súa nai e faille o favor de regresar. Fin da historia.

Todo isto polo que respecta á parte textual ou lingüística do libro, pero Onde viven os monstros é bastante máis, é un álbum ilustrado, o paradigma do álbum ilustrado como se ten dito.

Para concretar as características que definen e singularizan ao álbum ilustrado voume referir a definición da escritora e crítica de literatura infantil Sophia Van der Linden que aparece na súa obra Lire I’Album (2006) e que eu recollo do interesante relatorio presentado por Teresa Durán co título “Aprendiendo de los álbumes”, no 7º Encontro Nacional de Investigação en Leitura, Literatura Infantil e Ilustração. Universidade do Minho 2008(1): “O álbum sería unha forma de expresión que presenta unha interacción entre textos (que poden estar subxacentes) e imaxes (especialmente preponderantes) no seo dun soporte libro, caracterizado pola libre organización da dobre páxina, a diversidade das súas realizacións materiais e a sucesión fluída e coherente das súas páxinas”.

Resumindo, o esencial nun álbum ilustrado é precisamente a súa linguaxe mixta, na que código lingüístico e código visual actúan complementariamente na construción do significado. Nestes álbums texto e imaxes combínanse nun efecto sumativo e maior do que terían cada un deles por separado.

Esta interacción compositiva dáse tamén na interpretación ou recepción: A lectura do álbum ilustrado supón un exercicio de análise e síntese: valórase o que queren dicir as imaxes de acordo co que expresan as palabras, e complétase ou amplíase o que din as palabras tendo en conta o que expresan as ilustracións.

Volvendo ao álbum que comentamos, en Onde viven os monstros dáse a circunstancia de que hai un único autor xa que Maurice Sendak é o responsable tanto do texto como das ilustracións. Isto permitiulle concibilo dende o principio como unha unidade, creando cada unha das páxinas (no álbum ilustrado a unidade de significado é a páxina) e decidindo mesmo a disposición de texto e ilustracións en cada unha delas. Estas ilustracións amplían e complementan o que se di na parte textual.

Imos aplicar a análise que propón Cecilia Silva-Díaz, docente e investigadora da LIX, no seu traballo “La función de la imagen en el álbum”, Revista Peonza (2006)(2). Segundo esta investigadora, é a través das imaxes como se crea o mundo de ficción nos álbums ilustrados, (presentación de personaxes e ambientes). As primeiras frases do libro que comentamos dinnos: “A noite que Max vestiu o seu traxe de lobo e empezou a facer trasnadas dunha clase … e doutra, a súa nai chamoulle: —MONSTRO! E Max díxolle: —VOUTE COMER! Así que mandouno para a cama sen cear”. Pero son as ilustracións as que nos permiten saber quen é Max (un rapaciño duns 5/6 anos) e a que se refire o texto cando fala de “trasnadas”. Tamén vemos o lugar onde vive Max e podemos tirar conclusións e facer inferencias sobre detalles que non figuran no texto, como por exemplo a que clase social pertencen Max e a súa familia. As distintas expresións que van aparecendo na cara do rapaz tamén se prestan a facer unha lectura ampliadora: determinación, agresividade, enfado, concentración, gozo…

Así mesmo, son as imaxes secuenciadas as que nos achegan información temporal. O paso do tempo vén marcado polas sucesivas imaxes relacionadas entre si que amosan, por exemplo, como vai medrando o bosque… (Tamén a lúa no ceo dános conta do paso do tempo)

E así poderiamos seguir co resto do libro: as imaxes presentan aos monstros (vemos que para crealos Sendak mestura características físicas de distintos animais) e mesmo permítennos asistir á gran troula a través dunhas páxinas nas que o autor prescinde absolutamente do apoio textual, (texto subxacente).

Pero ademais, as imaxes son as responsables de crear o ritmo narrativo, que neste caso está perfectamente determinado. O relato comeza cun ritmo moi rápido, que se vai ralentizando pouco a pouco ata chegar ao “clímax”, que é a parte central e que require un ritmo máis lento, propicio para unha observación demorada. Pasado este “clímax” o relato volve acelerarse, pouco a pouco e cada vez máis ata a páxina final, na que non hai ilustracións.

sendak3

Para acadar estes cambios de ritmo Maurice Sendak xoga co tamaño da imaxe e coa súa colocación na páxina. Para empezar imprimindo ese ritmo rápido, o autor distribúe o breve texto na páxina da esquerda e a ilustración na da dereita, ademais esta ilustración está perfectamente delimitada no seu marco e ocupa a parte central da páxina.

Ao ir avanzando na lectura, observamos que o tamaño da ilustración vai aumentando, pouco a pouco e sen parar, ata que chega un momento no que ocupa toda a páxina sen deixar marxe. A partir de aí, coincidindo coa secuencia na que Max embarca no seu barquiño, a ilustración segue medrando, avanzando pola páxina esquerda e roubándolle espazo ao texto. E segue medrando…

Nun momento dado, cando Max chega ao lugar onde viven os monstros, o texto é desprazado á parte inferior da dobre páxina e as ilustracións van ocupando máis e máis espazo.

Chegamos así ao “clímax”, a parte central constituída por tres dobres páxinas absolutamente cubertas polos debuxos nas que asistimos sen palabras (texto subxacente) a gran festa de Max e os monstros. E, a partir dese momento, o ritmo volve acelerarse e prodúcese o proceso inverso: as ilustracións van minguando, pouco a pouco e sen tregua, ata a última páxina na que unicamente figura o texto: “que aínda estaba quente”.

Unha historia inmortal concibida por un home que soubo reflectir coma ninguén o mundo interior da infancia e que ten creado un universo máxico polo que levan transitado moitas xeracións de lectoras e lectores de todas as idades dende hai máis de cincuenta anos.

Ademais do libro do que se teñen feito numerosas traducións e que continúa sendo un éxito de ventas na actualidade, a historia de Max, o pequeno rebelde, foi convertida en ópera e representada por primeira vez en Bruxelas no ano 1980 cun libreto escrito polo propio Maurice Sendak. E tamén se fixo unha película que foi dirixida no ano 2009 por Spike Jonze.

Notas
 (1) Durán, Teresa, "Aprendiendo de los álbumes". Actas do 7º Encontro Nacional de Investigaçao en Leitura, Literatura Infantil e Ilustraçao. Univesidade do Minho, outubro de 2008.
 (2) Silva-Díaz, Cecilia, "La función de la imagen en el álbum". Revista Peonza, nº 75/76 (2006)

Descárgao en pdf



Deixa unha resposta