Polomenosunlibro Marta Dacosta e Antonio Seijas

Achegámonos ao ecuador deste Nadal no que lanzamos a campaña “polo menos un libro”. Gustaríanos poder estendela ao longo de todo o ano, porque, que hai máis fermoso que agasallar historias? Hoxe recoméndannos libros Marta Dacosta e Antonio Seijas.

Marta Dacosta. Profesora de ensino medio e poeta. Neste ano 2014 tirou do prelo o poemario Dun lago escuro (Edicións Xerais), texto co que gañou o Johan Carballeira de poesía no pasado ano. Recoméndanos o libro O libro dos cen poemas. Antoloxía da poesía infantil galega, Xosé María Álvarez Cáccamo e Marisa Núñez (eds.) Espiral Maior, 2002.

marta dacosta

“Porque a poesía é refuxio abrigoso como manta en inverno. Esta selección de poesía infantil realizada por Xosé Mª Álvarez Cáccamo e Marisa Núñez, organizada tematicamente, métenos o ritmo dos versos no corpo, case como se fosen cancións, e así quedan en nós as palabras de Manuel María, Noriega Varela, Curros, Cabanillas, Cunqueiro ou Rosalía Castro, entre outros moitos”.

Antonio Seijas. Ilustrador galardoado con importantes distincións no eido do comic. Publicou no 2012 a novela gráfica Cartas de inverno (Edicións Xerais), baseada na obra de Agustín Fernández Paz. Recoméndanos o libro Miña querida Sherezade de Andrea Maceiras (Baía Edicións).

Recomendación Seijas

“Para os que queiran escoitar a máxica historia dun libro contada por el mesmo. Gran libro de Andrea Maceiras premiado co Meiga Moira 2014″



Deixa unha resposta