#polomenosunlibro

danieledi

É chegado o tempo de Nadal.

Dende Criaturas sabemos que é ben difícil fuxir do consumismo que durante estas datas se apodera de moitas familias. Cativos e cativas acaban tendo unha nova morea de xoguetes e brinquedos cos que encher o seu cuarto. Non obstante, dende criaturas, aínda sabendo que os xoguetes cumpren un papel moi importante no día a día da infancia, queremos propoñervos o seguinte nunha idea ben sinxela: no Nadal, polo menos, un libro. Se os xogos son un elemento importante dentro da educación de nenas e nenos tamén o é a imaxinación, e ningún aparello mellor ca un libro vai lograr desenvolvela entre a rapazada.

Non só iso, apoiando o libro galego, axudamos a desenvolver o que se coñece como mercado de proximidade, prestando o noso apoio non só a grandes compañías xogueteiras, se non a editoriais de noso, a libreiras e libreiros de noso, a ilustradoras, a escritores. Non coñecemos mellor forma de apoiar o noso tecido e produción cultural que ao facela visible nas nosas casas.

Para axudarnos a desenvolver esta idea imos contar coa colaboración de diferentes persoas que nos recomendarán ao longo destes días un libro, unha proposta de fantasía coa que ampliar as paredes dos nosos salóns.

Neste nadal #polomenosunlibro

Na imaxe que ilustra este inicio da campaña Ledicia Costas e Daniel Landesa, coordinadores da Revista Criaturas recoméndannos A illa misteriosa, de Jules Verne (Edicións Xerais) e Pan de Millo, de Migallas (editorial Kalandraka, con ilustracións de Dani Padrón).

Di Ledicia: “Porque con Jules Verne tiven a oportunidade de viaxar montada en elefantes, submarinos, naves espaciais e globos aerostáticos”

Di Daniel: “Cando naceu Sarela botabamos a faltar cancións no noso idioma. Atopámolas en Pan de Millo e agora son parte da nosa sintonía”



Deixa unha resposta