Premio Merlín para Érica Esmorís e Premio Jules Verne para Andrea Maceiras

premiosxerais

 

O pasado sábado día 6 de xuño tivo lugar o que vén sendo xa unha tradición ano tras ano e que moitos medios comezan a denominar como a Festa da Literatura. Na illa de San Simón desveláronse as gañadoras dos premios Xerais do ano 2015 nas súas categorías de novela, literatura xuvenil e literatura infantil.

Na categoría de novela o gañador foi un inédito Hector Cajaraville pola obra “De remate” quen ademais resultou finalista do premio Merlín coa obra presentada baixo o lema Divina Sandamil. O premio Jules Verne de literatura xuvenil foi para Andrea Maceiras pola obra Europa Express. E o premio Merlín de literatura infantil foi para Érica Esmorís pola obra Nena e o mar. Foi un día extraordinariamente solleiro e emotivo que pode verse ao completo na gravación que Edicións Xerais colgou na rede, nun acto extraordinariamente conducido por Celia Torres e que tivo como mantedor a Miguel Vázquez Freire co texto “Unha parábola verniana”.

 

erica esmorisO Premio Merlín foi elixido polo xurado entre catro obras finalistas quen decidiu outorgarllo a obra Nena e o mar de Érica Esmorís, a encargada de ler o ditame do xurado foi Celia Pereira Porto:

Nena e o mar

Porto Balea é unha vila mariñeira na que todos os seus anciáns habitantes perderon a esperanza, tan só Otto, o último home novo da vila, segue a saír ao mar a diario mentres deixa a Nena, a súa filla e orfa de nai, ao coidado dos habitantes da vila acantilada. Mais un día Otto non regresa tras naufragar nos dominios das sereas. Nena loitará contra a desidia da súa veciñanza e con toda a forza de vontade, o empeño e a valentía que lle collen no seu corpo miúdo, emprenderá unha viaxe desesperada.

Nena e o mar é un relato redondo, unha aventura de esperanza e valentía na que o ritmo pausado deixa saborear todos os ingredientes dunha vila mariñeira envellecida, ancorada e sen capacidade de loita contra o destino que o abandono deixa. O poder de evocación é un dos principais argumentos da autora ou autor, que logra recrear unha paisaxe singular na que se mestura a decadencia coa esperanza posta nos ollos dunha cativa que logrará mudalo todo. Nena é unha nena valente, obstinada e que fai da forza de vontade unha bandeira coa que emprender unha perigosa aventura propia de calquera heroína, mais sen deixar de ser unha nena.

A construción das personaxes casa tamén con ese ritmo pausado, como de marea, que respira todo o libro. As súas historias imos completándoas pouco a pouco, devagar, coma o mar que deita as crebas nunha praia. O vello rosmón Umu, o mellor mariñeiro da vila, que segue a coidar de Anina, a súa longa traiñeira, mais que nunca a bota xa ao devalo. A enfermeira Hannah, quen viviu o amor de forma pura e libre e renunciou a el por temor ao desprezo da súa familia. A vella mestra da vila, Aya, quen asume cunha mestura de cariño e frustración o coidado de Nena, cariño pola cativa, á que ama, e frustración porque o tempo que con ela comparte é un recordo do tempo no que a escola fervía de vida.

Ao longo de toda a narración subxacen unha serie de valores positivos, a tenacidade, a mencionada esperanza, a solidariedade, a valentía, a comunicación, o respecto. Non se trata dun discurso moralizante, os valores están nas xentes da vila, nas súas decisións, sen caer no politicamente correcto: Sen deixarse levar pola simpleza da dicotomía de bos e malos, asume sempre a autora ou autor esa escala de grises que calquera persoa ten e que enriquece fondamente o narrado.

Por último, trátase dunha historia cunha clara compoñente fílmica, onde as imaxes xogan un papel fundamental sen renunciar a acción e á aventura, aventura na que a evolución non se dá unicamente nos protagonistas, toda a vila muda dun modo coral. Nena e o mar consegue crear unha atmosfera única que configura un relato único e valente, repleto de personaxes que permanecen no recordo e de imaxes que constrúen unha historia realista, mais con espazo para o fantástico e sen renunciar á evocación como arma. Atopar relatos tan ben construídos é o soño de calquera xurado, e como ben di a autora ou autor ‘non hai mentiras nos soños’.

 

andrea maceirasO premio Jules Verne foi elixido por unanimidade entre tres obras finalistas, o xurado decidiu outorgarllo á obra Europa Express de Andrea Maceiras, encargáronse de ler o ditame Noemí Lage, Nicolás Teixeiro e Itziar Fernández:

Aroa, Xacobe, Nico, Beatriz, Óscar, Piero e Mía son un grupo de adolescentes que despois de rematar o Bacharelato deciden viaxar xuntos por Europa, de Noruega a Galicia, en interrail. Ao longo deste periplo descubrirán a vida en liberdade e a complexidade das relacións persoais, marcadas fundamentalmente polo carácter de Xacobe, un rapaz moi intelixente pero cunha infancia traumática no seo dunha familia desestruturada, quen acotío inquietará o resto de rapaces e rapazas coas súas profundas reflexións sobre a existencia e o seu estraño e cambiante comportamento.

Europa, a novela gañadora desta sétima edición do Premio Jules Verne de Literatura Xuvenil, arranca dez anos despois desta viaxe, cando Nico, por motivos laborais, regresa a Berguen, cidade norueguesa pola que pasaran naquel interrail. A súa afección a coleccionar postais revelaralle a Nico, de maneira fortuíta, certa información que provoca nel un cuestionamento da súa vida actual e a necesidade de resolver as dúbidas sobre a traxedia que os envolveu a todos e todas ao seu regreso da viaxe de tren. Malia as reticencias de Aroa a revolver no pasado, Nico logra contactar cos compañeiros e compañeiras de viaxe e organiza unha festa de reencontro a partir da cal irán aflorando todos os matices que permitirán aclarar as causas daquel fatídico acontecemento.

A novela, construída en base a unha arquitectura precisa, case palindrómica, na que só se lle concede a Xacobe a licenza de falar dende o pasado, está estruturada en tres grandes bloques nos que se van intercalando narracións en terceira persoa que transcorren dez anos antes con outras en primeira persoa, de cada un dos personaxes, no tempo presente.

Aínda que enfiada por Nico dende o seu comezo, Europa é unha novela que poderiamos denominar como «coral», onde todos os personaxes cobran voz propia e relevancia no devir dos acontecementos. A obra recrea á perfección a desorientación propia da adolescencia e a melancolía que acompaña, na madurez das persoas, a lembranza dos luminosos días de mocidade, dos días, como se evoca na propia novela citando a Wordsworth, de “esplendor na herba”.



Deixa unha resposta