Sabor galego nos White Ravens e na lista de honra do IBBY

O camiño da lix galega á consagración dun sistema normalizado e de prestixio está fóra de toda dúbida, nos últimos é habitual atopar nomes galegos nos premios e mencións máis prestixiosas de nivel internacional, algo que hai unhas poucas décadas era impensable. Ás veces, ao analizar o sistema dende dentro pódese pecar dese certo estrañamento que provoca a proximidade, a amizade, o compañeirismo. Non obstante, que a comunidade internacional recoñeza, un ano si e outro tamén, o labor da literatura deste país é unha pedra de toque que non fai máis que refrendar esta sensación que temos dende dentro. A nosa literatura infantil e xuvenil existe no mundo.

wr_2015_logo

WHITE RAVENS 2015

Cada ano a International Youth Library de Munich destaca unha listaxe de libros pola súa singulariedade, ben polo tema tratado, polo formato, polo seu deseño, pola innovación e, en definitiva, pola súa calidade. Neste ano 2015 o listado (que se pode consultar ao completo aquí) inclúe dúas gratas sorpresas: o recente premio Lazarillo de María Solar (O meu pesadelo favorito), editado en galego por Galaxia e en castelán por Siruela; e tamén o álbum de Federico Delicado Ícaro, editado por Kalandrakaa obra gañadora do VII Premio Iinternacional Compostela de Álbum Ilustrado.

katze2

 

LISTA DE HONRA DO IBBY

A Lista de Honra de IBBY é unha selección de libros de publicación recente nos países que forman parte da International Board on Books for Young People (IBBY). Na lsita de honra do IBBY do 2016 inclúense tres libros galegos nas distintas modalidades. Na de ilustradores destácase novamente o álbum de Federico Delicado, Ícaro. Mentres, na de escrita e tradución, atopamos tamén outros nomes de sobra coñecidos, Ramón Nicolás, pola tradución de Bisa Bea, Bisa Bel (Galaxia, 2014) e Ledicia Costas por Escarlatina, a cociñeira defunta (Edicións Xerais, 2014).

Con todo, dende criaturas, non podemos máis que sentir un fondo orgullo por este sistema literario que, con moito esforzo, vai facéndose un oco no mundo. Parabéns!



Deixa unha resposta